Panorámica futbolística: o Dépor mancha a xornada galega

Estivo ben perto o pleno de imbatibilidade dos equipos galegos na Primeira, a Segunda e a Primeira RFEF, pois o Celta venceu o Raio Vallecano (2-0) e o seu filial fixo o propio ante o do Valladolid (1-3), Lugo empatou coa Real Sociedade B (1-1), mesmo resultado que obtivo o Rácing ante o Badaxoz, pero o Dépor caeu co Irún.
O ex xogador do Celta dá imaxe á campaña. (Foto: La Liga).
photo_camera Os dous tantos de Brais Méndez -un deles, co calcaño, para enmarcar-, achegan o Celta e Europa. (Foto: La Liga).

A inactividade non pasou factura a un Real Club Celta que, a pesar da parada de dúas semanas, continuou exhibindo boas sensacións ante un rival directo na loita por Europa como é o Raio Vallecano, a quen superou por 2-0, ambos os tantos materializados por un Brais Méndez en estado de graza coincidindo co partido 150 como celeste do centrocampista.

Este resultado deixa os da cidade olívica na décima posición, a cinco puntos duns postos europeos cos que compite con Atlético, Real Sociedade, Athletic, Valencia e o propio Raio.

O Lugo suma e segue 

Pola súa banda, o Club Deportivo Lugo foi quen de dar continuidade á súa fantástica xeira de imbatibilidade -que xa supera os tres meses- ante unha Real Sociedade B que a pesar de estar afundida no penúltimo chanzo da táboa realizou un dos seus mellores papeis no que vai de tempada.

As novas promesas txuri-urdin, dirixidas polo lendario Xabi Alonso, axexaron a portería albivermella desde os primeiros instantes de xogo, acumulando até catro disparos a porta nos 10 primeiros minutos de partido. Afortunadamente, os galegos foron quen de conter as impetuosas acometidas donostiarras e, facendo bo aquel vello dito do fútbol de "quen perdoa, paga", adiantáronse no marcador pouco antes do descanso da man de Manu Barreiro desde os 11 metros. Porén, esta vez non foron quen de anular a reacción dun filial branquiazul que subiu ao marcador o definitivo empate a un gol no minuto 72 (Jon Karrikaburu).

Ouro, prata e bronce na Primeira RFEF

Na terceira categoría, e trazando un paralelismo cos Xogos Olímpicos de Inverno que se están disputando estes días en Pequín, o ouro clarísimo foi para un Celta B que obtivo a súa cuarta vitoria consecutiva a costa doutro conxunto filial, o do Real Valladolid (1-3). 

A medalla de prata gañouna un Rácing de Ferrol que conseguiu volver da visita a un campo complicado como é o Nuevo Vivero de Badaxoz cun punto (1-1) tras comezar por detrás no marcador, mentres que o evidente terceiro posto neste pequeno ránking está claro que pertence ao Deportivo, inoperante no seu propio campo ante a súa besta negra esta tempada, o Real Unión de Irún (1-2).

Comentarios