Ourense lustra os tenis de cara á Carreira Popular de San Martiño

Na súa última edición tivo case 9.000 inscricións.
A saída será na Ponte do Milenio. (Foto: CPSM).
photo_camera A saída será na Ponte do Milenio. (Foto: CPSM).

Unha das carreiras populares máis relevantes do calendario galego, a San Martiño de Ourense, conta as horas para a súa cuadraxésimo sexta edición, programada o domingo 12 de novembro. 

A clásica por excelencia do calendario pedestre volve fielmente a súa cita anual, e faino cunha presenza importante de participantes, xa que son até o momento arredor de 8.000 as persoas inscritas e que tomarán as rúas da Cidade das Burgas.

Con respecto aos horarios, segundo explicou a organización, a cargo do Consello Municipal de Deportes de Ourense, a saída terá lugar ás 11 horas da mañá na contorna da Ponte do Milenio, rematando -logo de completar os 10 quilómetros da carreira absoluta, que se reducen a cinco para as categorías Sub-18, Sub-16 e Sub-14, e a 1,4 no caso das Sub-10, Sub-10 e Inclusiva- no Pavillón Municipal dos Remedios.

No referente aos e ás atletas inscritas, estará na liña de saída todo un clásico e referente da proba como é Alex Fernández, quen posúe o récord cun total de seis triunfos.

Xunto ao atleta internacional tamén correrán o campión de Europa dos 5.000 metros no ano 2006, Jesús España; o plusmarquista estatal de maratón e finalista nos Xogos Olímpicos de Toquio, Ayad Lamdassem; o atleta olímpico Uruguaio Nicolás Cuestas; o gañador da recente Carreira Pedestre de Santiago, El Medhi El Nabaoui; a recordwoman de media maratón, Ester Navarrete; ou a lucense Laura Santos, que chega nun excelente estado de forma, como acreditou co seu primeiro posto na Pedestre compostelá.

Sede do Estatal 'indoor'

O atletismo, nesta ocasión en pista cuberta, volverá ser protagonista na Cidade das Burgas, pois Expourense vén de ser designada pola Federación Española como sede do Estatal indoor do ano 2024. 

Comentarios