Fútbol

'O Noso Derbi', unha opción real para o sorteo de Copa: haberá Celta-Dépor cinco anos despois?

Celta, Rácing, Dépor, Lugo, Arousa e Arenteiro entran no bombo de cara á segunda rolda.
O último Dépor-Celta foi en 2018. (Foto: EP).
photo_camera Lucas Pérez e Jozabed pugnan polo balón no último Celta-Dépor, en 2018. (Foto: EP).

A madrileña sede da Real Federación Española de Fútbol, na localidade das Rozas, acolle ás 13 horas da cuarta o sorteo da segunda rolda da Copa do Rei, entrando no bombo até seis equipos da Galiza: Cetla de Vigo, Rácing de Ferrol, Club Deportivo Arenteiro, Real Club Deportivo da Coruña, Club Deportivo Lugo e unha Arousa Sociedade Cultural que logrou a súa clasificación após perder o seu compromiso contra o Granada logo da eliminación dos andaluces por aliñación indebida.

Nesta fase de trintaedousavos de final participarán un total de 56 formacións, estando exentas tan só Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Osasuna, que como deben contribuír ao continuo exercicio de sportwashing de Arabia Saudita na Supercopa están directamente clasificadas para a terceira rolda.

Con respecto ao desenvolvemento do sorteo, a RFEF disporá cinco bombos, un por cada categoría representada, e o Arousa -único conxunto de Terceira RFEF xunto co Astorga- ten garantido enfrontarse con algún dos equipo de Primeira División, polo que cabe a posibilidade de que xogue contra o Celta. Non obstante, o derbi galego do morbo sería un Dépor-Celta que non se disputa desde hai máis de cinco anos e que tería lugar en Riazor.


Burela e Viveiro, sedes do Estatal de fútbol sala

Se o ano pasado foi Ourense, nesta ocasión Burela e Viveiro foron as localidades galegas escollidas para albergar a primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala (CESA) nas categorías Sub-16 e Sub-19 masculinas, un evento que terá lugar do 26 ao 30 de decembro.

Xunto coa Galiza, o Estatal tamén desembarcará en Andalucía (El Ejido), A Mancha (Alcázar de San Juan) e Estremadura (Mérida).

Comentarios