Competición ditamina que o Arousa avance na Copa do Rei de fútbol

Descualificou o Granada por "aliñación indebida".
A escuadra de Vilagarcía xogará a segunda rolda do torneo do KO. (Foto: Arousa SC).
photo_camera A escuadra de Vilagarcía xogará a segunda rolda do torneo do KO. (Foto: Arousa SC).

O Arousa unirase a Celta, Rácing de Ferrol, Lugo, Deportivo e Arenteiro no bombo do sorteo da segunda rolda da Copa do Rei, logo de que o Xuíz Disciplinario Único da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) resolvese que houbo "aliñación indebida" pola participación do porteiro do Granada Adri López no partido da primeira fase no que os andaluces superaron os de Vilagarcía por 0 goles a 3.

Segundo o maxistrado "non é válido" que o gardameta Adri López, con ficha do filial -o Club Recreativo Selecta 'B'-, de 24 anos e que formou de inicio no antedito encontro do torneo do KO que os nazaríes disputaron o pasado 2 de novembro na Lomba (0-3), "xogase co primeiro equipo".

Nada máis concluír o choque, o conxunto arlequinado denunciou que a participación de Adri López non estaba permitida polo regulamento, ao entenderse da norma que a Copa do Rei é unha competición "non profesional", unha condición que permite os equipos utilizar gardametas que non conten con ficha do primeiro equipo. 

"A Copa do Rei, sen ningún tipo de dúbida, é unha competición oficial de ámbito estatal e carácter non profesional", ratificou o xuíz, que ademais de resolver a eliminación do Granada condenoulle a pagar unha multa de 6.001 euros, en aplicación do artigo 79.1 e 79.2 do Código Disciplinario da Federación Española.

Con todo, contra esta decisión cabe recurso ante o Comité de Apelación no prazo de 10 días hábiles, algo que, aínda que non oficialmente, a entidade andaluza filtrou que realizará. No caso de non ser estimado -a medida máis habitual nestes casos-, o último cravo ardendo ao que poderían asirse pare evitar a súa eliminación sería o Tribunal de Arbitraxe Deportivo (TAD), ademais da xustiza ordinaria, por suposto.

O sorteo da segunda rolda será o 15 de novembro

O sorteo da segunda eliminatoria de Copa será, finalmente, o 15 de novembro ás 13 horas na sede da RFEF en Madrid. Orixinalmente tiña previsto desenvolverse onte, mais foi adiado a causa do aprazamento do Ximnástica Segoviana-Sestao River e do Atzeneta-Zaragoza. Os 28 enfrontamentos dos que consta a rolda, na que participarán 56 equipos, terán lugar os días 5, 6 e 7 do mes de decembro.

Comentarios