#onosoderbi dá a volta ao mundo da man de máis de 270 peñas

Desde un populoso barrio de New Jersey (EUA) até unha pequena vila do cantón suízo de Berna. O Celta-Dépor deste sábado vai vivirse con paixón en non poucos rincóns do planeta. 

celta seareiros peña @LondonCeltas
photo_camera Seareiros celtistas da peña londinense @LondonCeltas

En Nova Jersey, Londres, Berna, Caracas, Bilbo, Madrid, Marsella, Barcelona... Nestas cidades haberá de certo ollos, ouvidos e corazóns atentos este sábado (22:05 horas) a #onosoderbi. En todas elas hai peñas do Celta ou do Dépor ou de ambas as dúas. Galegos e fillos de galegos integran a maior parte dos efectivos das armadas celestes e branqui-azuis polo mundo adiante. Desde a 'Peña América Celeste', que expande celtismo pola Costa Este de Estados Unidos, até a 'Peña Deportivista Bergantiños de Berna', que insufla paixón branquiazul polos catro cantóns de Suíza.

Hai por volta de 120 peñas do Celta e máis de 150 do Deportivo. Oficiais, pois sen rexistrar oficialmente hai moitas máis. Hai peñas por todas as comarcas do país e tamén alén do Padornelo. En non poucos concellos galegos (de Viveiro a Rianxo, pasando por Vilalba, Compostela, Vilagarcía...) conviven peñas celtistas e deportivistas. Nalgún caso, mesmo na mesma vila e con idéntico nome (en Rianxo: peña celtista 'A Rianxeira' e peña deportivista 'A Rianxeira). Co mesmo nome, mais xa non no mesmo lugar, hai varias: 'Centolos' e 'Fernando Vázquez', por poñer dous exemplos. Mesmo hai unha peña do Celta...na Coruña!! Son 'Norte Celeste'. Non se coñece que haxa unha deportivista en Vigo, mais, non sería nada extrano. Hai asociacións de seareiros do Celta e Dépor en Euskal-Herria, Catalunya, Madrid, Canarias, Castela... Mais tamén en Estados Unidos, México, Venezuela, Reino Unido ou Suíza.

Peña deportivista londresA peña máis numerosa do Celta é 'Carcamáns', da Illa de Arousa. Esta peña ten máis de 600 soci@s nun concello que anda na volta dos 5.000 habitantes. O 12% do total de habitantes da Illa están asociados a esta agrupación de seareir@s celestes.  E a do Déportivo? Sinálase a 'Riazor Blues' como, ademáis da máis animosa e paixonal, a máis numerosa.

Vilalba, o epicentro de #onosoderbi

Pode que Celta e Dépor non coincidan en moitas cousas. Mais os dous deben dar grazas a Vilalba. A capital da Terra Chá é onde están as peñas máis veteranas de ambos os dous equipos. A do Deportivo, fundadada en 1952. E a do Celta, de 1969, se ben, e como aclaran desde a Federación de Peñas, xa existía a mediados da década dos 40.

De Vilalba é natural tamén un dos poucos galegos que xogou nos dous equipos, Vicente Celeiro (1962). O vilalbés militou na escuadra deportivista de 1981 a 1989 para pasar despois a alistarse no club céltico, onde xogou de 1989 a 1991.

Redes sociais

Nas redes sociais, o Celta ten 67.000 seguidores máis que o Dépor. A conta oficial de twitter do equipo celeste ten 219.000 'followers', por 193.000 que siguen a dos branqui-azuis. Unha distancia que tamén se deixa notar en Facebook, onde o Celta ten 361.000 seguidores, 41.000 máis que o Dépor (320.000). 

Imaxes: as peñas do Celta e do Dépor en Londres, @LondonCeltas e @RCDLondon

Comentarios