O grupo Mixto critica os 300.000 euros de prima da selección española

O grupo parlamentario Mixto, no que está o BNG, presentou unha proposición non de lei no Congreso exixindo “transparencia” e “austeridade” nas subvencións á Federación Española de Fútbol.
Celebración da Selección española de fútbol

O grupo parlamentario Mixto, a instancia do deputado de ERC Alfred Bosch, presentou unha proposición non de lei para que se supriman as primas da selección española de fútbol na Eurocopa. A proposta será debatida na comisión de Educación e Deporte do Congreso.
Na proposta instase ao Goberno español a que sexa “transparente” e “austero” nas axudas e subvencións que recibe a Federación Española de Fútbol (RFEF). Segundo a proposta do grupo Mixto, a federación non debería manter as millonarias primas a xogadores polos resultados en Polonia e Ucrania, e menos con cartos públicos. “Se se manteñen, os xogadores deberían tributar as mesmas no Estado español”, sinala o texto. A razón desta petición foi o escándalo que se fixo público cando o mundial de Sudáfrica. Daquela os xogadores tentaron cotizar nese país e non tributar no Estado español.
No Estado español as competencias en deportes dependen das Comunidades autónomas polo que na mesma proposta reclaman que os ingresos tributados polos xogadores deberían ir a elas.

As primas dos xogadores aumentaron un 25% con respecto a anterior Eurocopa

300 mil euros por xogador
As informacións publicadas por algúns medios de comunicación sobre as primas que cobrarían os xogadores, 300.000 mil euros cada un, foron criticadas polo grupo Mixto.  No texto sinalan que “os 300.000 euros pactados supoñen un aumento do 25% respecto as primas que recibiron en 2008, incremento que sorprende nunha época de recortes xeralizados nos orzamentos estatais e, en particular, en políticas sociais”.  Para o grupo do que forma parte o BNG “a cantidade de 300.000 euros semella excesiva, e especialmente nunha época de crise".

Comentarios