O Depor apela á epica rossonera para tombar o Madrid en Riazor

Hai unha forma de o fechacancelas da liga tombar o Madrid en Riazor? Si que a hai: se é quen a xogar como o Milan AC face o Barcelona de Messi. Isto é, moita presión en toda a cancha e surprender nas contras. Duelo dramático este serán ás 20 horas. Evaldo, nen convocado.

O Depor non xogará de ti a ti ao Real Madrid porque as equipas que ousan facer tal cousa costuman saíren goleadas. Esa é a tese coa que Fernando Vázquez preparou durante a semana o choque co combo de Mouriño. En teoría, este non é un partido da liga do Deportivo. Non estaría entre as oito vitorias hipotéticas sobre as cales o treinador de Castrofeito quer construír a proeza da salvación (e a palabra proeza non é hipérbole se consideramos que a escadra galega enfrenta esta xornada a 8 pontos da fronteira que separa a Primeira da Segunda División).

"Temos opcións se facemos ben o noso traballo", afirmou durante esta semana en conferencia de imprensa. "O fundamental é que a xente para a que traballamos se sinta orgullosa da súa equipa, gañar ou perder", engadiu. "Imos ter opcións contra o Real Madrid. Imos estar perto deles no taboleiro de marcas. E se estarmos perto deles no taboleiro de marcas, teremos opción de gañar".

Como gañar o Real Madrid? A receita é sinxela: imitar o AC Milan, que esta semana bateu o Barcelona en Champions. Xogar con intensidade ("aínda que eu non sei moi ben onde está o intensómetro", dixo Fernando, nun ton que claramente evocou o inesquecíbel Arsenio Iglesias). Fecharse ben atrás e non deixar espazos. E surprender á contra.

Fernando pasa por ser un gran psicólogo. Esta semana defendeu Evaldo perante @s xornalistas ("non se pode culpar Evaldo de todos os problemas defensivos que temos, os problemas defensivos que temos son de toda a equipa, comezan con Riki"), mas finalmente deixou Evaldo fóra da convocatoria.

O carril esquerdo será para Ayoze.

Comentarios