O Celta cae ante o Atlético e fica xa sen marxe de erro

A derrota (1-3) perante o combo de Simeone obriga o Celta a abeirar a perfección nos tres xogos que fican para a conclusión do campionato. Desta volta Balaídos (de novo cunha entrada extraordinaria) non foi abondo para pontuar perante o terceiro clasificado do campionato.

Celta Atlético
photo_camera Celta Atlético

O Celta xa non pode ceder nen un só ponto máis no que fica de campionato, se quer manterse unha tempada máis na élite. A boa noticia é que se conseguise gañar os tres xogos que ten por diante (Betis e Valladolid fóra de casa, Espanyol en Balaídos) probabelmente puidese safar do abismo. Problema: o fútebol que están a despregar os celestes -voluntarioso, mas moi plano e previsíbel- non agoira nada bon. Non se lles pode negar entrega e sacrificio, sudor, e quilómetros. Atletismo e ximnasio, ben. Mas con iso non chega. Hai que ter máis clarividencia nos metros finais, maior mobilidade dos puntas, filtrar mellor a bola detrás dos centrais rivais, rachar os cadrís contrarios con desmarcaxes de ruptura, esa clase de destreza (talento se quiseren) que se precisa para furar a portería contraria e que fai a diferenza entre pelexar por Europa ou por non descer aos avernos da Segunda División.

Balaídos empurrou o Celta, que saiu ao relvado con determinación e coraxe. Os tres pontos eran vitais para apañar osíxeno. Claro que enfrente estaba a terceira mellor escadra da liga. E notouse. Xa non estamos perante o Atlético anárquico e guerrilleiro de toda a vida. Simeone construiu unha equipa rigorosa e disciplinada. Unha equipa que, ante todo, ocupa moi ben o terreno. Sempre hai algún atlético agardándote á volta da esquina. Multíplicanse en ataque e en defensa. Son solidarios. Cobren moi ben os espazos. Relévanse. É unha equipa moi difícil de gañar. Desde Febreiro non perde nen un só partido fóra de Madrid.

O Celta tivo as súas oportunidades, mas desta volta a inspiración non visitou o planeta Aspas

O Celta tivo as súas oportunidades, mas desta volta a inspiración non visitou o planeta Aspas. Krohn-Delhi fixo das súas. Mágoa que tamén as fixera Courtois. Ollo a este gardamallas. Apenas ten 20 anos. Está chamado a ser un dos grandes da súa demarcación na vindeira década.

Non dramaticemos. Dos 4 partidos deste mini-ciclo final, este era o que máis doadamente se podía perder. O mau é que a equipa viguesa fica agora sen marxe de erro. Está abocado á un exercicio heroico, homérico. Está abocado a facer un pleno. Gañar ou morrer. Non hai termo medio. Todo ou nada. Próxima estación, o Benito Villamarín.

Celta: Javi Varas, Jonny (Mario Bermejo, min.64, De Lucas, min.76), Vila, Túñez, Roberto Lago, Oubiña, Natxo Insa, Augusto, Álex López (Orellana, min.53), Krohn-Dehli e Iago Aspas

At. Madrid: Courtois, Juanfran, Godín, Koke (Cebolla Rodríguez, min.74), Filipe Luis, Mario Suárez (Tiago, min.46), Miranda, Gabi, Adrián, Diego Costa (Arda, min.66) e Falcao

Goles: 0-1, min.47: Diego Costa; 02. min.65: Juanfran; 1-2, min.83: Augusto; 1-3, min.86: Falcao

Árbitro: Teixeira Vitienes, do comité cántabro. Cartóns amarelos para Álex López, Jonny, Roberto Lago, Mario Suárez, Godín, Gabi, Tiago

Balaídos: 23.375 espectadores.

Comentarios