Entrevista

Carlos Lago: "En 2030 todos os partidos serán como os do Xetafe"

Os cambios no fútbol, especialmente os referentes á preparación física, deron lugar a multitude de mutacións na forma de entender e practicar a disciplina nos últimos anos que, sen dúbida, seguirán influíndo no futuro, como reflexiona no seu novo libro o catedrático da Universidade de Vigo Carlos Lago (Compostela, 1974), autor do libro 'Cando metes gol, eres grande, cando non... eres gordo'.
O santiagués, sostendo un exemplar do volume que vén de lanzar. (Foto: Uvigo).
photo_camera O santiagués, sostendo un exemplar do volume que vén de lanzar. (Foto: Uvigo)

—A primeira pregunta é obrigada: como será o fútbol en 2030?
Desde a evidencia científica, o que está pasando, e vai pasar, é que o xogo será cada vez máis rápido, máis intenso. Ademais, semella que o tempo efectivo de xogo, isto é, no que o balón está en movemento, se seguirá reducindo, polo que é esperábel que en 2030, se non hai cambios no regulamento, estará tanto tempo o balón en movemento como parado. É dicir, que iremos a partidos como os do Xetafe (ri).  

Por outra parte, e xa dando a miña opinión persoal, aposto a que haberá máis trocos que permitirán manter a intensidade do xogo, ilimitados quizais, como no baloncesto ou o balonmán, e intúo que tamén haberá máis pausas nos partidos, onde se aproveite para facer descansos ao mesmo tempo que a televisión gaña máis cartos cos anuncios, o que repercutirá positivamente na intensidade.

—Detrás de todo isto hai un cambio total de paradigma na preparación física no fútbol...
Tanto que, de feito, hai unha corrente por aí que di que a preparación física non existe, o que existe é a preparación do xogador, porque non se trata de ter alguén que corra moito, senón que corra mentres conduce o balón, defenda ou se desmarque.

—A era da pos preparación física!
Eu diría a era da personalización da preparación. Agora vai á carta: depende da túa idade, do teu perfil, das túas características, dos teus postos de xogo, das túas necesidades... niso estamos copiando o modelo que tiña a NBA hai 10-15 anos, onde os xogadores tiñan xa unha preparación propia, porque alí, igual que no fútbol de elite, non hai realmente moito tempo para adestrar.

—Unha NBA que é unha liga que destaca pola esixencia a todos os niveis, pero especialmente no plano físico.
A NBA, onde os equipos xogan 72 partidos durante seis meses practicamente cada 48 horas, é a liña a seguir. A razón é que sabemos que non é posíbel unha recuperación completa cando hai menos de 72 horas de distancia entre partidos, e iso sen incluír as viaxes, de aí que, tendo en conta a enorme cantidade de partidos que caracteriza o fútbol moderno, cambiase tanto a forma de preparalos, o deseño da semana de preparación ou se multiplicase a importancia da nutrición e desa recuperación.

—Non obstante, e a pesar de todo, en última instancia 'Cando metes gol, eres grande, cando non... eres gordo', como dicía Ronaldo Nazario.
Para nós, Ronaldo 'O gordo'.

—Ou 'O bo', depende para quen.
Si (ri). A súa frase foi a gran reflexión sobre a preparación física actual, só se lle bota ollo, só se critica, cando as cousas non van ben, pese a que é moi difícil que alguén gañe ou perda fundamentalmente pola súa preparación física, a pesar de que a relevancia desta subiu enormemente. Se observamos un futbolista dos 80, ou incluso dos 90, sería raro que tivese sitio nun cadro de xogadores actual, pois estamos nunha época en que son auténticos atletas conscientes de que o seu coidado persoal é algo fundamental, por iso teñen preparadores físicos e até fisiólogos propios.

—Descarta entón prácticas en vías de desaparición pero aínda en vigor daquela como comer con viño ou fumar un pitillo na sobremesa para axudar á dixestión?
Absolutamente (ri). Eu coñecín un adestrador que non lle permitía ao seu preparador físico traballar os abdominais cos xogadores, porque dicía que esa zona tiña que estar soltiña porque ao canear había que moverse dun lado a outro. E disto non pasaron máis de 30 anos.

Unha revolución total no deporte rei

O 'fútbol moderno' —ese ao que un sector non pequeno dos afeccionados e afeccionadas que xa peitean canas xura odio eterno na rede— continúa a súa particular revolución, e o profesor Carlos Lago anticipa que mesmo podería adoptar fórmulas "como a do baloncesto, distribuíndo os partidos en cuartos, porque do que se trata é de evitar o desinterese que pode provocar un 4-0 no primeiro tempo, por exemplo".

O catedrático da Universidade de Vigo data o comezo do camiño que percorre o 'fútbol moderno' hai aproximadamente "15 anos" —coincidindo coa explosión da era de Cristiano Ronaldo e Messi—, cando se eleva "o mínimo atlético para poder competir". Con todo, dá un sinal para a esperanza do nostálxico recoñecendo que "sempre vai quedar espazo para o talento na toma de decisións, pois a velocidade na cabeza é tan imporante ou máis que nas pernas".

Comentarios