O Mundial de Tríatlon 2023, en Pontevedra

A localidade galega será sede dun campionato que en anos anteriores acolleron cidades como Londres, Budapest, Pequín ou Chicago.
Gómez Noya
photo_camera Gómez Noya

A Xunta Executiva do Mundo de Tríatlon aprobou a adxudicación das da edición de 2023 do Campionato Mundial dese deporte á cidade de Pontevedra, onde se coroarán os campións e campioas do planeta nas categorías  Elite, Sub-23 e Paratríatlon, así como para a distancia estándar de grupos de idade, a Súper Sprint e Aquabike.

Deste modo, a xoia da coroa do calendario anual no tríatlon internacional chega a Galiza despois de ter lugar en anos anteriores en localidades como Londres, Budapest, Pequín, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausana e Edmonton.

"Estamos encantados de que Pontevedra, que demostrou ser un anfitrión fantástico de múltiples deportes no calendario mundial de tríatlon, agora reciba ás mellores triatletas do mundo para as finais do campionato en 2023", dixo a presidenta do Mundo de tríatlon e membro do Comité Olímpico Internacional (COI), Marisol Casado.

Pola súa banda, José Higaldo, presidente da Federación estatal deste deporte, destacou que a organización da gran Final das Series Mundiais supón para Pontevedra "completar un ciclo, porque é a única competición que lle quedaba por acoller". "Sempre apoiou os maiores proxectos de carreiras internacionais, como o Campionato de Europa en 2011, o Europeo de dúatlon en 2014, o Mundial multideporte en 2019 e, agora, a Gran Final no 2023", lembrou. 

Precisamente da proba de 2019 saíu campión Javier Gómez Noya, o mellor tratleta galego de todos os tempos, quen considera que o feito de que en 2023 a Cidade do Lérez sexa de novo sede dun gran torneo é "unha alegría absoluta, pois Pontevedra é garantía de éxito, de saber facer as cousas. Estou convencido de que tanto as deportistas como as cidadás van acoller esta noticia coa máxima ilusión", apuntou un Gómez Noya, que fixo memoria recordando que correu "case todas as Finais Mundiais de tríatlon nalgunhas das cidades máis incríbeis do mundo, pero as palabras non poden describir o emocionado que estou por que unha pequena localidade como Pontevedra, a miña cidade natal, estea agora entre as mellores para acoller eventos de tríatlon".

Lores: "É o broche de ouro"

Na mesma liña se expresou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen se mostrou "entusiasmado" cunha nova que pon en valor "o compromiso da cidade co tríatlon e os seus eventos". "Para nós supón completar un ciclo, porque é a única competición que nos quedaba por organizar, así que é como pór un broche de ouro, por iso queremos que sexa un evento memorábel, pensado como unha gran cita e para a felicidade e satisfacción das e dos atletas, así como de toda a gran familia do tríatlon", asegurou.

Miguel Anxo Fernández Lores concluíu a súa análise destacando o legado de Javier Gómez Noya -"entre nós, como parte da gran familia que formamos Pontevedra e o tríatlon Internacional, temos Javier Gómez Noya, un dos nosos cidadáns ilustres e unha persoa que representa os valores centrais do Olimpismo: a excelencia, a amizade e o respecto, que tamén identifican á perfección as apostas de Pontevedra e a Federación Española de Tríatlon na organización de grandes eventos deportivos- e a súa aposta porque Pontevedra siga "levando no sangue o deporte e a vitalidade, vibrando con cada carreira, con cada corazón en marcha para competir con alegría".

Actividades Paralelas

Esta clase de campionatos de clase mundial sempre se caracterizan por acoller unha serie de actividades paralelas ao seu arredor, e o Mundial de Tríatlon de 2023 non vai ser unha excepción. Así, os e as participantes  terán a oportunidade de coñecer de primeira man o "sector marisqueiro e pesqueiro" das Rías Baixas, os atractivos naturais da Galiza cunha visita ao Parque Nacional das Illas Atlánticas ou a rica historia da contorna no Centro de Interpretación dos Petroglifos de Pontecaldelas e Campolameiro.

Ademais, desde a organización salientan que a proba contará cun Plan de Seguridade e de Servizos Médicos que mobilizará máis de 200 efectivos entre Policía, Garda Civil, Protección Civil, Cruz Vermella e voluntarias.

Comentarios