O motor galego volverá estar representado no Rally Dakar

Eduardo Iglesias lidera a delegación nacional.
Iglesias, do Team Monforte, logrou completar o Dakar. (Foto: Xunta).
photo_camera O do Team Monforte (centro) participará no seu quinto Dakar. (Foto: Xunta).

O vello Rally París-Dakar, hoxe Dakar, a secas, pese a disputarse en Arabia Saudita logo de caer nas garras da xigantesca trama de sportwashing a través do cal un país que non respecta dereitos humanos fundamentais pretende lavar a súa imaxe a nivel internacional, alcanza a súa edición número 46.

Co seu arranque previsto o próximo día 5 de xaneiro, véspera de Reis, cunha etapa prólogo de 158 quilómetros con saída e chegada na localidade de Al Ula, a carreira, coñecida popularmente como a máis dura do planeta, constará en 2024 de 12 tiradas cun total de 4.727 quilómetros contra o reloxo, alcanzándose a liña de meta en Yanbu o 19 de xaneiro.

Até alí aspiran a chegar os catro pilotos galegos que participarán: Eduardo Iglesias en motos, que tornará no primeiro galego en correr cinco Dakar consecutivos; Javier Campos (motos), Fran Gómez Pallas (motos eléctricas) e Ricardo Ramilo (T4 vehículos lixeiros).

Vázquez e Lorenzo correrán a nova Copa i20

Sen abandonar o mundo do motor, pero situando o foco no eido estatal, a Federación Galega de Automobilismo (FGA) oficializou no día de onte que o equipo vencedor da primeira edición do recentemente concluído Criterium Galiza Recalvi/Beca 24, conformado por Adrián Vázquez e Melisa Lorenzo, dará un importante salto na súa carreira deportiva, pois serán da partida na primeira edición da Copa i20 N Rally.

A participación de ambos os pilotos no novo formato promocional estatal dentro do Supercampionato de España de Rallyes, que disputará neste ano 2024 a súa primeira edición, será posíbel grazas ao apio da FGA, que apostou pola parella Vázquez-Lorenzo logo do seu gran resultado no Criterium Galiza aos mandos do seu Peugeot 107.

Non obstante, na Copa i20, que está reservada a talentos "con menos de 26 anos sen palmarés de relevancia", o vehículo que deberán conducir é o Hyundai i20 N Rally, nun torneo que, agardan desde a Federación, lles sirva para "proxectarse fóra dos límites do noso territorio", engadindo o organismo presidido por Antonio Rodríguez Troitiño que "nos próximos días" anunciarán "os novos equipos que recibirán bolsas para participar tanto en rallys como en carreiras de autocross e de montaña ao longo do 2024".

Comentarios