DEPORTES

María Mariño: "En Madrid hai máis nivel, pero co tempo superaremos esas diferenzas"

María Mariño: "En Madrid hai máis nivel, pero co tempo superaremos esas diferenzas"

A galega María Mariño (Pontevedra, 1993) aspira a vindeira semana, concretamente o día 25 de abril, a facer bo o vello dito e clasificarse para os Xogos Olímpicos de Toquio 2021 na que será a súa terceira tentativa, logo de quedar ás portas de conseguilo tanto en Río de Xaneiro 2016 como nos de 2012.
 
A principal competencia da tiradora galega procede de países como Polonia, Turquía ou Israel.(Foto: RFEE)
photo_camera A principal competencia da tiradora galega procede de países como Polonia, Turquía ou Israel.(Foto: RFEE)

—A pouco máis dunha semana vista do Preolímpico no que se xogará estar nos seus primeiros Xogos Olímpicos, como valora as súas opcións de conseguir unha praza, logo de estar a piques de logralo hai cinco e nove anos?

Non é doado contestar a esta pregunta (ri). No Preolímpico non estarán grandes potencias como Rusia, Italia ou Francia, que xa están clasificadas por equipos, polo que as opcións son moito maiores. Aínda así, é no continente europeo onde resulta máis difícil clasificarse para os Xogos Olímpicos, porque é onde están a maioría dos países fortes no noso deporte, como Polonia, Romanía, Austria, Israel... todos eles teñen xente forte. Por tanto, hai opcións, si, mais haberá que pelexar moito por esa praza.

—Cal é o nivel actual da disciplina na Galiza?

O deporte da esgrima a nivel galego poderíamos dicir que está en pleno crecemento. Por exemplo, o meu club, que é o Olivo de Vigo, é moi novo, terá tan só uns 20 anos en funcionamento, e aínda así xa logrou moitísimos éxitos, especialmente nas categorías inferiores, o que significa que se están facendo ben as cousas. Ademais, tamén hai un bo nivel na Coruña, e resulta enriquecedor ter dúas cidades con xente de alto nivel, pois iso xera que xurda unha competencia ben entendida que acaba por axudar a medrar, pois rivais que te empurren a superarte son as que fan desenvolverte. 

En xeral, estase realizando un bo traballo a nivel galego, pero hai unha serie de dificultades que tamén teñen noutros deportes, que moitas veces están moi centralizados en Madrid porque é onde están a base de adestramentos estatal, os Centros de Alto Rendemento, onde se move a xente a causa do traballo e os estudos... Iso fai que sexa alí, en Madrid, onde máis nivel hai, aínda que creo que é cuestión de tempo que superemos esas diferenzas.

—De feito, e a pesar da súa xuventude, vostede é practicamente unha pioneira, quizais non na práctica desde deporte na Galiza, pero si en alcanzar o nivel que leva xa unha década exhibindo. Vostede que, cónstame, mantén contacto coas xeracións máis novas, as que veñen detrás a tomar o relevo, pensa que están subindo o nivel ou aínda queda moito camiño por percorrer?

Está mellorando. Eu, cando empecei, non tiña moita xente maior por diante na que poder fixarme, e agora os nenos e nenas si que teñen eses referentes que son tan necesarios, xa non só a nivel galego, senón en todo o Estado, no que a esgrima está medrando moito, sobre todo na miña arma, o florete, onde había un gran baleiro xeracional. Por exemplo, Carlos Llavador acaba de conseguir unha praza para os Xogos de Toquio, que é algo que facía tres ciclos olímpicos que España non lograba, e esa clase de cousas son as que, ao final, axudan os rapaces e rapazas a medrar e ser máis ambiciosas.

—Desde fóra chama un tanto a atención o feito de que unha disciplina tan histórica como é a súa, que mesmo formou parte dos nove deportes que integraron o programa dos primeiros Xogos Olímpicos Modernos en 1896, estea vivindo unha irrupción desde practicamente cero. A que se debe esta atípica situación?

Á falta de recursos. Este é un deporte minoritario que, lamentabelmente, non ten moitas achegas privadas, así que dependemos exclusivamente duns recursos públicos que cando hai escenarios de crise sempre se limitan aínda máis, o que dificulta que as deportistas poidan ser profesionais e dedicarse integramente á esgrima. Entón, sen eses recursos, é moi difícil xerar resultados a nivel internacional, porque logo por aí fóra hai que loitar contra xente que vive disto, que se dedica á esgrima todos os días, que é profesional... é unha mágoa, pero dependemos duns recursos económicos que durante moito tempo non tivemos. Máis ou menos é como ir á guerra cun tiracroios (ri).

—Vostede adestra, desde o pasado ano 2019, con varios dos nomes máis potentes do mundo na Frascati Scherma, unha das asociacións de esgrima máis importantes, que está situada moi cerquiña de Roma, capital da primeira potencia esgrimística. Que a levou a tomar esa decisión? 

Como dis, Italia é unha gran potencia, probabelmente a mellor do mundo a nivel esgrimístico, e nesta escola teñen moi claras as bases a nivel técnico e táctico. Así que, por unha banda, estar alí sírveme para pulir ese tipo de detalles, que melloro grazas ás súas achegas, e por outra, tamén é importante resaltar que o noso é un deporte de contacto. Entón, para poder medrar necesitas estar rodeada de xente de nivel, e aquí no club teño a sorte de adestrar diariamente con campioas europeas e mundiais como Alice Volpi. 

—Nota na súa preparación o efecto dos meses nos que o confinamento estrito lle impediu adestrar con normalidade?

Os máis de tres meses que estiven fechada na casa foron un período moi difícil, pero a partir de xuño de 2020 retomei os adestramentos en Madrid e en setembro de novo en Italia, polo que agardo que ese bo traballo diario desde entón acabe por reflectirse nos resultados.

comentarios