Maratón de baloncesto do Ensino de Lugo

Hoxe xoga o primeiro dos seus sete partidos no mes de decembro
Tres dos partidos serán no Pazo, mentres que en tres ocasións terán que desprazarse fóra da casa (Foto: Durán Maquinaria Ensino).
photo_camera Tres dos partidos serán no Pazo, mentres que en tres ocasións terán que desprazarse fóra da casa (Foto: Durán Maquinaria Ensino).

Desde outubro até onte, o Durán Maquinaria Ensino, único representante da Galiza na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, participou en oito partidos, un suave ritmo de competición que remata hoxe, punto de partida dunha maratón de básquet que o levará a entrar en acción sete veces só no presente mes de decembro.

Catro deses choques son fóra da casa -IDK Euskotren, Spar Gran Canaria, Embutidos Pajariel Bembibre, Movistar Estudiantes- e tres no Pazo -Innova Leganés, Kutxabank Araski, Lointek Gernika Bizkaia-, sendo o primeiro o que enfrentará á escuadra lucense co antigo Club Deportivo Ibaeta de Donostia -hoxe coñecido como IDK Euskotren por razóns comerciais- hoxe ás 19.30 horas no Polideportivo José Antonio Gasca da capital Gipuscoana.

Ambos os conxuntos chegan moi igualados na clasificación a este compromiso, pois o vasco ocupa a oitava posición con catro vitorias, tan só unha máis que un Ensino que emerxe na penúltima posición (14), o que dá boa idea da igualdade da categoría. Porén, a dinámica galega é bastante peor, pois acumula tres derrotas consecutivas.

Obradoiro presenta Kassius Robertson

Cambiando o baloncesto feminino polo masculino, Monbus Obradoiro presentou na xornada de onte o escolta canadense Kassius Robertson. Con 28 anos de idade e 1,91 metros de altura, chega a Compostela procedente do Pallacanestro Reggiana italiano, onde na presente campaña disputou 11 partidos en total, sete de liga -facendo de media 8,7 puntos e 2,3 asistencias- e catro na Basketball Champions League, onde elevou as súas prestacións anotadoras até os 10 puntos por encontro. 

Antes da súa aventura italiana militara durante dúas tempadas completas na escuadra capitolina, razón pola cal, recoñeceu, non dubidou "nin un segundo" en aceptar a proposta obradoirista. "Síntome moi afortunado, porque as últimas semanas non foron doadas para min", explicou un Robertson que pediu "paciencia" nos estadios iniciais desta segunda etapa, pois necesita "adaptarse aos cambios que houbo no equipo, e iso sempre leva tempo; hai que ir paso a paso".

O 'Minibasket' prepara o Estatal

A categoría Minibasket inicia a actividade no ámbito das seleccións galegas na presente tempada 2022/23.  A inminente chegada do novo ano abre a súa programación de traballo, a cal se estenderá até o próximo mes de abril, data estabelecida para a meta do seu camiño, un Campionato de España previsto nas localidades catalás de Tarragona e Salou do 1 ao 5 de abril. 

Un total de oito concentracións repartidas entre decembro e marzo configuran a súa folla de ruta, unha serie de citas que se levarán a cabo a través de distintas convocatorias de xogadores e xogadoras. Así, as primeiras destas preparacións serán en decembro (días 3-4 e 27-28), seguidas doutras tantas en xaneiro (8 e 28-29), febreiro (12 e 18-19) e marzo (18 e 19-26).

A Irmandiña masculina levou a cabo unha preselección inicial de 31 xogadores, que adestrarán na Estrada baixo a dirección de Rubén Vigo, Iago Mariñas e Hugo Pérez, mentres que a feminina chamou o mesmo número de mulleres, que no seu caso estarán dirixidas por Adrián Armesto, Andrea Pardo e Marta Giménez.

Comentarios