Fútbol | 1ª División

Así é Javier Manquillo, o último reforzo invernal do Celta e vello coñecido de Benítez

O lateral, que chega a Vigo desde o Newcastle inglés, competirá polo posto de lateral dereito con Mingueza e Kevin.
O lateral asinou até o ano 2025. (Foto: RC Celta).
photo_camera O lateral asinou até o ano 2025. (Foto: RC Celta).

Rafa Benítez manifestou na rolda de prensa previa á eliminatoria copeira ante a Real Sociedade que o dianteiro noruegués Strand Larsen —quen, non obstante, non está sendo dos habituais da 'Unidade B' da Copa— era dúbida por un golpe na perna, polo que a presenza do espigado ariete sobre o céspede de Balaídos non é nada clara.

Quen seguro non estará é a segunda e flamante fichaxe do Real Club Celta no mercado invernal, Javier Manquillo, un lateral dereito de 29 anos de idade que chega á cidade olívica a custe cero, pois era portador da súa carta de liberdade.

Formado na canteira do Atlético de Madrid, permaneceu atado aos colchoneiros até 2017, cando asinou polo Newcastle inglés a cambio de catro millóns de euros. Entre medias protagonizou un rosario de cesións a clubs como Liverpool, Olympique de Marsella ou Sunderland, sen lograr nunca facerse coa titularidade agás no conxunto galo.

Xa coas Urracas, o papel de Manquillo foi de máis a menos, pasando de contar coa confianza de Rafa Benítez cando este dirixía o Newcastle —ao longo das tempadas  2017/18 e 2018/19— a caer no total ostracismo, pois non disputou un só minuto desde abril de 2023.

Unha vez que recupere a forma, Manquillo, que asinou até 2025, debería poder competir por un posto de lateral dereito no que até o de agora alternaron sobre todo Mingueza ou Kevin.

Comentarios