sábado 16/10/21

Luis Enrique continuará en Balaídos e o Deportivo faise co dianteiro luso Rudy

Fin da zozobra en Balaídos. Luis Enrique continuará a dirixir o proxecto celeste esta tempada, após en Can Barça se abrir a vía de Tata Martino, o treinador do Newell's Old Boys. Mentres, o Deportivo incorpora o dianteiro portugués Rudy.

Rudy
Rudy

Ao final prevaleceu o poder de Messi en Can Barça e o clube blaugrana asina por tres tempadas a Tata Martino, o treinador do Newell´s Old Boys. Non era a opción favorita de Zubizarreta, que optaba máis ben por Luis Enrique. Mas entre o criterio do director técnico e o da estrela blaugrana, Sandro Rosell inclinouse por satisfacer os desexos de Messi.

Así as cousas, a tranquilidade retorna a Balaídos. A freguesía celeste viviu con certo pánico a perspectiva de o treinador asturiano abandonar a equipa sen lle ter dirixido nen un só choque de competición oficial. Luis Enrique fixera a planificación de toda a tempada e a súa substitución, embora viñese engraxada con algúns millóns de euros, a bon seguro que tería causado non poucos problemas ao combo vigués.

Mentres, o Deportivo, pendente aínda de chegar a un convenio cos acreedores, está a piques de asinar o dianteiro portugués Carlos Wilson Cachicote, máis coñecido como Rudy.

Trátase dun avanzado de 24 anos, sen demasiado historial goleador, mais con capacidade para criar perigo nas áreas rivais. Vén da liga belga, en concreto do Cercle Brugge, e estaba no punto de mira do Académica portugués. Esta terza feira completará os exames médicos.

comentarios