Lugo e Pontevedra afúndense máis

A loita por afastarse dos postos de descenso deixou crueis resultados esta xornada. O empate do Lugo e a derrota do Pontevedra deixa ambos os dous equipos como últimos na clasificación. O Dépor, pola súa parte, empata co Linense mentres que o Racing gaña na Malata e o Celta B remonta en Balaídos. 
O Lugo mantivo unha forte defensa contra os ataques do Zaragoza no Ángel Carro (Foto: CD Lugo).
photo_camera O Lugo mantivo unha forte defensa contra os ataques do Zaragoza no Ángel Carro (Foto: CD Lugo).

Sen contar co resultado do partido do Celta na súa visita ao Osasuna [aínda por finalizar ao remate desta edición], a xornada futbolística para os equipos galegos das máximas categorías centrouse na Segunda División e na Primeira RFEF. 

Dous clubs viven con ansiedade cada fin de semana a súa situación na táboa clasificatoria: o Lugo e o Pontevedra. O primeiro voltaba ao Ángel Carro para medirse co Zaragoza. A afección respondeu ao chamamento de club e xogadores conseguindo a mellor entrada da tempada. Após unha homenaxe ao ex xogador Pelayo; no partido, o xogo dos de Carrillo non respondeu ás expectativas nin cando o adestrador decidiu introducir cambios.

O encontro remataba cun empate sen goles e cada vez menos marxe de erro nos seguintes choques. O Lugo afronta esta semana como último na clasificación e precisará recompor o ánimo de xogadores e afección. 

Na Primeira RFEF, un caso semellante é o do Pontevedra que viu como o “efecto Señor” esfarelábase contra o Fuenlabrada. Sen ideas no ataque, o equipo mantivo o encontro até  o minuto 40 coa chegada dun rigoroso penalti que significou, ademais, a expulsión de Luís Martinez. Na segunda parte, o equipo granate empataba, mais o Fuenlabrada metíase no partido outra vez cun gol que fecharía o marcador de maneira definitiva.

O Lugo destitúe a Joan Carrillo

Os malos resultados levaron á directiva do Lugo a tomar a decisión de destituír o seu actual adestrador, Joan Carrillo. Onte ao mediodía o Club anunciaba esta decisión a través da súa páxina web e das redes social, sinalando que “comunicará proximamente o nome do novo adestrador do primeiro equipo da entidade".

Na mensaxe, en forma de comunicado, queren “agradecer o seu traballo, profesionalidade e implicación durante a etapa na que formou parte desta institución”. Con el xa son tres os técnicos que pasaron esta tempada polo Lugo: Hernán Pérez, Fran Xusto e Joan Carrillo. Os albivermellos son últimos con 23 puntos, empatados co Ibiza, a 12 da salvación.

Ollando o ascenso   

Nos postos de cabeza, o Deportivo deixou escapar dous puntos na súa visita ao Linense e afástase do Alcorcón, primeiro na clasificación. Empate sen goles para os de Óscar Cano que, como aspecto positivo, mantiveron a cero a súa portaría por quinta xornada consecutiva. 

Pola contra, o Racing conseguía unha vitoría importante na Malata contra o Alxeciras (2-1). O resultado permítelle estar na cuarta posición con acceso á promoción de ascenso a Segunda. Non o tivo doado ao comezar remando en contra cun gol de penalti dos andaluces.

Neutralizado ese tanto cun empate de Manu Xusto, chegou na segunda metade o gol de Luís Chacón que lles daría á vitoria aos de Ferrol

Por último, o Celta B conseguía un punto contra o San Fernando en Balaídos que soubo a gloria, ao remontar un partido que comezaron perdendo por 0-2. O empate deixa os de Giráldez na loita por estar na promoción.

Comentarios