O Lugo decide cara onde mirar en Miranda de Ebro

Os da Cidade das Murallas intentarán sacar partido esta cuarta feira a partir das 19 horas da debilidade do Mirandés, un dos peores equipos como local da categoría de prata.
Casteláns e galegos, á procura dun mismo obxectivo: afastarse o máximo posíbel da zona baixa da táboa. (Foto: La Liga).
photo_camera Casteláns e galegos, á procura dun mismo obxectivo: afastarse o máximo posíbel da zona baixa da táboa. (Foto: La Liga).

Os da Cidade das Murallas intentarán sacar partido esta cuarta feira a partir das 19 horas da debilidade do Mirandés, un dos peores equipos como local da categoría de prata.

Logo de sete partidos disputados na súa casa do Municipal de Anduva, o rival do Club Deportivo Lugo acumula sete puntos, cun total de dous triunfos, un empate e catro derrotas, o que deixa o conxunto castelán só por diante  de Real Sociedade B, Zaragoza, Leganés, Amorebieta e Alcorcón no ránking de equipos con menos puntos como locais.

Desafortunadamente, nesta cuarta, como se di popularmente, xúntanse a fame coas gañas de comer, pois a escuadra albivermella é a cuarta peor visitante da Segunda División -tras Málaga, Amorebieta e o fechacancelas Alcorcón-, con catro puntos en seis partidos nos que non foi quen de lograr nin unha soa vitoria.

Non obstante, o elevado nivel de xogo exhibido polos de Rubén Albés nos seus últimos encontros invitan a un optimismo in crescendo logo da recuperación de varios futbolistas mancados, caso de Alberto ou Manu Barreiro, altas que para algunhas afeccionadas non compensan na balanza do infortunio a desafortunada lesión dun dos homes máis en forma do campionato, Gerard Valentín.

Gañar para soñar, perder para tremelicar

O Lugo encara o reto do Mirandés instalado nunha cómoda décimo terceira posición. Tanto é así que, de gañar, e dependendo dos resultados dos seus rivais, podería escalar mesmo até a oitava, da que o actual propietario é o Real Oviedo con 19 puntos, a tan só tres máis da sexta praza que marca o límite dos postos do play-off de ascenso á Primeira División.

O problema radica en que, de non lograr rañar un triunfo en Anduva, os albivermellos verían como se lle acercan perigosamente os conxuntos da zona baixa da clasificación, comezando polo propio Mirandés, distanciado por un só punto dos galegos. De feito, Lolo Escobar, preparador do combinado de Miranda de Ebro, declarou que o seu equipo "agarda" pasar por enriba do Lugo para "entrar nunha dinámica positiva" que lle sirva de "pista de despegue" do fondo da táboa

Albés: "Perder Gerard é moi duro"

O adestrador do Club Deportivo Lugo, Rubén Albés, analizou antes do choque ante o Mirandés toda a actualidade da escuadra albivermella, que pivota sobra a ausencia dun dos homes máis importantes no seu sistema, Gerard Valentín.

Lesionado no partido da pasada xornada, o ex deportivista estaba sendo non só un dos mellores do Lugo, senón do conxunto da categoría. Por iso, Albés non tivo problemas en recoñecer que a súa perda é "dura", pois "é un xogador top capaz mesmo de modificar comportamentos tácticos". 

Con todo, o preparador vigués móstrase positivo sobre a súa recuperación, explicando que tan só ten "unha pequena rotura", polo que agarda "que non tarde moito en volver". Ademais, puxo en valor o labor do seu substituto, Jaume Cuellar, quen "derribou a porta da titularidade" coa súa actuación ante o Sporting de Xixón.

Rubén Albés tamén quixo destacar o "talento" e a "capacidade goleadora" do seu rival de hoxe, máis afirmou que el "non especula", polo que os futbolistas albivermellos "sairán a gañar" en Anduva.

Comentarios