Fútbol

A lotaría copeira do Celta pasa por Gernika

O conxunto celeste xoga hoxe co Gernika, un equipo da cuarta categoría.
Augusto Solari, xa recuperado da súa lesión, podería contar con minutos en Gernika no caso de que o resultado sexa favorábel. (Foto: RC Celta).
photo_camera Augusto Solari, xa recuperado da súa lesión, podería contar con minutos en Gernika no caso de que o resultado sexa favorábel. (Foto: RC Celta).

Se por algo destaca a Copa é polas súas sorpresas, algo que quere evitar a toda costa un Celta de Vigo que chega como indiscutíbel favorito ao seu partido da segunda eliminatoria do torneo do KO ante un equipo da cuarta categoría como é o Gernika (Estadio Urbieta, hoxe, ás 19 horas).

Un dos tópicos máis clásicos do fútbol é aquel de que "non hai rival pequeno", algo que se encargou de lembrar na rolda de prensa previa ao partido o técnico celeste, Carlos Carvalhal: "O primeiro que temos que facer é respectar o adversario, entendendo que ten os seus puntos fráxiles, pero tamén fortes, e que debemos respectalo moito".

Outro aspecto a ter en conta nesta clase de partidos é o estado do terreo de xogo. Urbieta, con capacidade para 2.500 persoas, ten unha superficie de céspede artificial, ao que os equipos da Segunda Federación onde cada domingo compite o Gernika están máis que acostumados, pero que pode causar estragos entre uns futbolistas de Primeira División afeitos a tapetes de pasto natural. 

Con todo, Carvalhal tamén desbotou a posibilidade de usar o céspede artificial como escusa á que asirse no caso dunha hipotética eliminación: "Eu non son así, se xogásemos un partido de balonmán aí, si que estaría preocupado, pero Urbieta é un campo de fútbol no que estaremos en igualdade co contrario".

Oportunidade para os xogadores menos habituais

Como o resto dos seus homólogos da máxima categoría, Carlos Carvalhal empregará estas roldas iniciais da Copa do Rei como banco de probas, optando por dar minutos aos xogadores menos habituais.

Deste modo, o posíbel once inicial do portugués podería ser o formado por Iván Villar en portería; Mingueza, Unai, Carlos Domínguez, Javi Galán; Pablo Durán, Fran Beltrán, Óscar, Swedberg, Carles Pérez; Paciência. En caso de que o contexto do xogo sexa favorábel, é moi posíbel que teñan minutos Hugo Mallo e Solari, que volven unha vez superadas as súas lesións. 

Por parte vasca, o histórico Aitor Larrazabal apostaría por Altamira; Agirrezabala, Berasaluze, Arberas, Vega, Sanz; Marcos, Miguel de Luis, Salado; Gallastegi e Carlos Gonzales.

Máis en DEPORTES
Comentarios