A Liga Galega de Traiñeiras decidirase na Bandeira Teresa Herrera da Coruña

Boiro non foi quen de logralo na penúltima xornada
Chapela saíu triunfadora da I Bandeira Feminina Heroínas de Sálvora. (Foto: LGT).
photo_camera Chapela saíu triunfadora da I Bandeira Feminina Heroínas de Sálvora. (Foto: LGT).

A Liga Feminina do Trofeo Xunta da Galiza non coñecerá o nome da embarcación campioa da tempada 2021 até a última regata, logo de que Cabo da Cruz non tivese éxito este domingo na súa primeira oportunidade de selar o título na I Bandeira Feminina Heroínas de Sálvora

Chapela non só impediu o alirón das de Boiro, se non que conseguiu no campo de regatas de Aguiño a súa segunda vitoria desta campaña. As outras dúas grandes triunfadoras na novena e penúltima xornada da Liga Galega de Traiñeiras foron foron Salgado-Perillo e a anfitrioa, Ribeira.

As contas de Cabo para deixar sentenciada a Liga Feminina pasaban por conseguir no Barbanza dous puntos máis que Chapela, unha posibilidade que non tardou en comezar a esfumarse. A quenda de honra comezou moi igualada, e os dous equipos que encabezan a xeral e Salgado-Perillo marcaron o mesmo rexistro ao remate do primeiro dos seis longos. 

Porén, foi no segundo parcial cando o conxunto de Boiro se descolgou da loita polo triunfo, pois cedeu nove segundos respecto á Arealonga, que viraba un por diante das de Oleiros.

O duelo entre Chapela e Salgado-Perillo rachouse no terceiro parcial. As de Redondela lograron unha diferenza de seis  segundos e non deixaron de incrementar esa renda na segunda metade da regata, cruzando as boias de meta 14 segundos antes que a embarcación de Oleiros. Cabo non tivo opcións de mellorar o terceiro posto, finalizando a case un minutos das gañadoras (54").

A cuarta praza durante toda a quenda de honra ocupouna Tirán-Pereira, que no derradeiro longo tivo que recuperar oito segundos de desvantaxe en relación a Ribeira para evitar concluír na clasificación deste xornada por debaixo do equipo local. As anfitrioas impuxéronse con contundencia na serie inicial, pero, malia que Rianxo ía un segundo por diante na primeira virada, a tripulación que competía na casa fixo valer o factor campo. Ribeira tomou o mando no segundo longo e, no seguinte parcial, soltou Rianxo. Entre as dúas embarcación da comarca do Barbanza houbo 27 segundos de diferenza na meta.

Polo contrario, as posicións que non variaron desde a primeira referencia foron as de Mugardos e Pobra, coas remeiras de Ría de Ferrol marchando sempre por diante das da Pobra do Caramiñal.

As augas da Coruña coroaran ás campioas

A falta dunha xornada para a conclusión da Liga Feminina, que se desenvolverá o vindeiro sábado, 28 de agosto, na apertura do Teresa Herrera, a clasificación xeral está liderada por Cabo, con catro puntos máis que Chapela. Entre as de Boiro e as de Redondela xogaranse a camisola amarela definitiva. A outra incógnita que se despexará na Coruña será a da terceira praza, logo de que Salgado-Perillo a recuperase a pasada fin de semana, adiantando por tan só un punto a Tirán-Pereira.

Esta cita, que porá fin á Liga Galega de Traiñeiras deste ano, reunirá un total de 23 tripulacións masculinas e oito femininas, e abrirá coa regata do play-off, unha proba contra o reloxo na que participarán todos os barcos, divididos nas súas propias categorías, e que decidirá as e os participantes na regata clásica de tres millas con catro largos e tres ciabogas sobre babor, que terá lugar na mañá do domingo 29.

Comentarios