A Liga denuncia o Celta por cánticos da súa afección contra o Betis sen referencia ningunha aos saúdos nazis da grada visitante

Segundo adiantou Faro de Vigo, o informe remitido a Competición e Antiviolencia recolle os berros "Puta Betis, oé" dos seguidores locais "de forma coral e coordinada", mais obvia os cánticos e os xestos fascistas dos seareiros visitantes.
Un momento do partido entre o Centa e o Betis o 8 de febreiro en Balaídos. (Foto: RC Celta)
Un momento do partido entre o Centa e o Betis o 8 de febreiro en Balaídos. (Foto: RC Celta)

Os estadios do Celta, Alavés, Raio Vallecano, Sevilla e Real Sociedade protagonizan o informe semanal remitido pola Liga de Fútbol Profesional ao Comité de Competición da RFEF e á Comisión Antiviolencia correspondente á xornada 23 de primeira división.

No seu escrito, a Liga recolle cánticos e comportamentos que incitan á violencia ou teñen un contido insultante ou intolerante, prohibidos e sancionábeis, de acordo co Código de Disciplina Deportiva da RFEF e coa Lexislación contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte.

Segundo avanzou Faro de Vigo, o Celta é un dos clubs denunciados polos cánticos da súa afección dirixidos aos seguidores do Real Betis presentes en Balaídos o pasado sábado, día 8 de febreiro. Porén, o informe pasou por alto os saúdos nazis e as proclamas fascistas realizadas por un grupo ultra do equipo andaluz durante o mesmo encontro. Nin unha soa mención.

O comportamento dos seareiros béticos quedou documentado. Denunciouse en redes sociais e transcendeu a raíz da contestación musical que o estadio de Balaídos lles ofreceu aos seguidores de extrema dereita do Real Betis: no descanso, cando fixo soar o Bella ciao, e acabado o partido, coas bancadas practicamente baleiras, cando recuncou cun segundo himno antifascista para despedir os ultras do conxunto andaluz co Grândola, Vila Morena.

A Liga obvia a afección visitante e concentra a súa denuncia nos seareiros locais. Así, segundo publica Faro de Vigo, "unha vez analizada a información e os oportunos documentos gráficos e audiovisuais do mencionado partido, fanse constar os seguintes feitos", unha relación detallada minuto a minuto dos cánticos entoados "de forma coral e coordinada durante, aproximadamente, 10 segundos" por parte "dun grupo de afeccionados locais, situados no sector central da bancada de Marcador Baixo".

A Liga detalla dous cánticos: "Puta Betis, oe", até en seis momentos do partido, e "písao, písao", cando un xogador do equipo contrario estaba tendido no terreo de xogo. Mais, ningunha outra referencia a comportamentos relacionados coa violencia, o racismo, a xenofobia ou a intolerancia no deporte.

Comentarios