mércores 14/04/21

O Liceo lánzase á conquista de Europa

A escuadra coruñesa debuta este 9 de abril ante o todopoderoso Barcelona
liceo_hockey
O reto para os Diaños Verdes comeza este 9 de abril e, sen tempo para o descanso, continúa o 10 ante o Benfica portugués (Foto: Mónica Arcay)

Un ano despois da irrupción da pandemia volven as competicións continentais de hóckey a patíns, logo de que a finais do pasado mes de outubro o Comité Europeo da modalidade reafirmase a suspensión de todas elas até o momento actual.

A cambiante e inestábel situación sanitaria, ademais, levou a que varios dos equipos que tiñan dereito a participar nos torneos renunciasen á súa presenza, polo que tan só nove equipos tomarán parte na Liga Europea, que comeza esta sexta feira, 9 de abril, na cidade portuguesa de Lisboa.

Esta particular circunstancia condicionou un sorteo que configurou tres grupos integrados por outros tantos conxuntos e que non puido ser máis prexudicial para os intereses do único representante galego, o Deportivo Liceo. A escuadra coruñesa forma parte do coñecido como "grupo da morte" xunto co todopoderoso Fútbol Club Barcelona e os anfitrións do Benfica lisboeta.

Polo tanto, tres dos equipos máis importantes e con máis historia de todo o continente competirán entre eles polo liderado, a única praza -ademais da do mellor segundo clasificado de entre todos grupos-que confire acceso a unha final four máis cara que nunca. 

Unha oportunidade de ouro para o desquite

O debut do Liceo será este 9 de abril ás 21 horas ante o Barça, nun encontro que representa unha oportunidade de ouro para que os Diaños Verdes se desquiten da derrota (3-7) padecida en febreiro na súa casa do Pazo dos Deportes de Riazor e que practicamente deixou sentenciada a OK Liga en favor dos blaugranas.

Unha vez finalizado ese compromiso ante os cataláns, e sen apenas tempo para descansar, o Liceo afronta no Pavilhão Municipal do Luso o segundo e derradeiro partido da primeira fase da Liga Europea ante un Benfica que conta coa importante vantaxe de competir na mesma pista na que disputan os seus partidos de Liga. 

Non obstante, e afortunadamente para os intereses galegos, as Aguias non están pasando polo seu mellor momento, pois o ex equipo de Jordi Adroher ocupa a cuarta praza na competición doméstica, lonxe do FC Porto.

Galiza, capital mundial do hóckey

Despois de Catalunya, Galiza é o territorio do Estado con maior implantación do hóckey, como demostran os éxitos de equipos como o Liceo e unha longa tradición de acollida de eventos de primeira orde, como o Campionato do Mundo de Hóckey a Patíns que tivo lugar no Pazo dos Deportes da Coruña nos anos 1972 e 1988.

As citas máis inmediatas serán as vindeiras edicións da Copa do Rei e da Raíña de Hóckey Patíns, que terán lugar no propio Pazo de Riazor, respectivamente, os días 10 e 13 de xuño, sendo a segunda vez na historia en que ambas as competicións se disputarán de modo paralelo e no que, ademais do propio Liceo, participarán conxuntos do nivel de Fútbol Club Barcelona, Reus ou Noia.

Pero non só a cidade herculina recibe eventos de hóckey no país, pois nos últimos tempos Ourense acolleu probas como o Campionato de España de Hóckey Sala ou o Estatal de Hóckey Herba, sendo o torneo previsto de maior relevancia o Campionato de Europa de Hóckey Sala Feminino, que está programado para o mes de xaneiro de 2022.

comentarios