O Liceo enceta o curso logrando o único título que lle faltaba: a Supercopa de España

Os coruñeses sorprenden o Reus (1-2) na súa propia casa nun partido intenso.

Hockey liceo
photo_camera Hockey liceo

Era o título que lle faltaba ao Hockey Club Liceo, a equipa de Galiza con máis galardóns en calquera modalidade deportiva, para as súas vitrinas. E conquistouna ao Reus na súa propia casa, un intenso partido que finalizou cun 1-2 e que deu os coruñeses a Supercopa de España, un título que conquistan no inicio de tempada.

O Liceo adiantouse no minuto 18 cun potente disparo cruzado de 'Dava' Torres, que colleu desprevenido o gardamallas do Reus, Pedro Henriques. O tanto descolocou un chisco o Reus, que comezara dominando e mesmo con oportunidades.

Na segunda metade Marc Torras empatou (minuto 31). A partir de aí emerxeu Xavi Mailán, meta do Liceo, que parou todo o parábel. Detivo dúas faltas directas e, após o gol de Marc Coy que volvía adiantar o Leiceo, foi toda unha fortaleza fronte os ataques cataláns.

O Liceo logrou así a súa primeira Supercopa de España. Un título que engade ás súas 7 Ligas, 9 copas do Rei, 6 copas de Europa / Liga de Campións, 5 Intercontinentais, ou 6 Supercopas de Europa / Continentais. 

Comentarios