Hóckey

O Liceo debuta o próximo sábado ante o Manlleu na Liga Europea

O Noisy Le Grand será o outro rival das herculinas.
As galegas van a por todas. (Foto: HC Liceo)
photo_camera As galegas van a por todas. (Foto: HC Liceo)

Grandes noticias para o hóckey feminino do país. O Deportivo Liceo da Coruña confirmou na xornada de onte a súa participación na Liga Europea, unha aventura que comezará xa este sábado, 7 de xaneiro.

Os seus rivais no Grupo 'B' da competición continental no que quedou encadrada a entidade verdibranca serán o Noisy Le Grand francés e o Club Patí Manlleu, contra quen debutará ás 17 horas do sábado en Riazor. 

Juan Copa, nomeado a mellor adestrador do 2022

Cambiando o cadro feminino polo masculino do Liceo, o seu técnico, Juan Copa, vén de estar incluído entre os 18 aspirantes ao título de "Mellor Adestrador de 2022" dos premios Mundo Hóckey. O prazo de votación xa está aberto, e o público en xeral -cun peso de 50% sobre o total- pode votar na web oficial dos galardóns.

O Liceo dará a saída á carreira San Silvestre

O mal tempo que sufriu a Galiza durante o último día do pasado ano 2022 obrigou a adiar varias das carreiras de San Silvestre que estaban programadas desde o Padornelo até Estaca de Bares. Unha das máis importantes foi a da Coruña, que finalmente desenvolverá a súa XIII edición o domingo 15 de xaneiro.

As persoas encargadas de dar a saída á proba na categoría absoluta serán os xogadores e xogadoras do Deportivo Liceo, arredor das 11 horas, segundo afirmou a organización.

Esta confirmou, ademais, que o certame sufriu unha modificación no seu percorrido orixinal previsto para o 31 de decembro, xa que "de maneira excepcional, a San Silvestre recupera a configuración dos seus primeiros anos, con saída e meta en María Pita, algo que non se podía facer o 31 debido ás atraccións que se instalan na praza durante o período de Nadal".

Comentarios