LGTBIfobia no "Mundial da vergoña"

Dentro de menos dun ano, concretamente o 21 de novembro de 2022, arrancará no Estadio Al Bayt, situado na localidade de Jor (Qatar), unha Copa do Mundo de Fútbol que non só nace manchada pola polémica do cambio de datas e do sangue dos traballadores mortos na construción dos estadios, senón tamén de homofobia.
Nasser Al-Khater di que no emirato "as demostración públicas de afecto" entre persoas do mesmo sexo están "mal vistas". (Foto: EP).
photo_camera Nasser Al-Khater di que no emirato "as demostración públicas de afecto" entre persoas do mesmo sexo están "mal vistas". (Foto: EP).

Que leva a un país sen ningún tipo de tradición futbolística como é Qatar a organizar a Copa do Mundo de fútbol, competición que a súa selección nacional nunca logrou disputar? O motivo principal son os cartos.

As autoridades qatarís estiman o seu impacto económico en 20.000 millóns de euros, un retorno inmensamente maior que o de anteriores edicións como Rusia 2018 e Brasil 2014 a causa das peculiaridades dunha nación moito máis pequena e concentrada demograficamente que as dúas últimas sedes do prestixioso torneo.

Porén, os cartos, e máis en cantidades tan maiúsculas, sempre van unidos a un veo de corrupción que cobre Qatar desde o mesmo momento en que a FIFA anunciou que acollerá o Mundial, aló polo ano 2010, pois o xornal británico The Sunday Times demostrou con numerosas probas que o emirato desembolsou perto de catro millóns de euros en comprar os votos necesarios para superar os Estados Unidos na votación final.

Foi só o inicio dunha carreira de irregularidades que comezou polo -lóxico- atraso da competición fóra das habituais datas estivais até novembro e decembro a causa das altas temperaturas, o que alporizou non só as afeccionadas máis puristas, senón aquelas preocupadas pola influencia que poida ter a adulteración dos calendarios no rendemento dos futbolistas e dos equipos europeos.

Pero iso é o de menos, unha anécdota sen maior transcendencia en comparación coas máis de 6.500 vidas que se cobraron as obras dos distintos estadios e as infraestruturas que demanda a celebración da Copa do Mundo. Tal e como levan anos denunciando medios, organismos internacionais e mesmo xogadores de elite como o madridista Toni Kroos e o noruegués Erling Haaland, as pésimas condicións laborais dos inmigrantes chegados ao país desde o Nepal, India, Paquistán, Bangladesh ou Sri Lanka custaron de media 12 vidas semanais desde a concesión oficial a Qatar da Copa do Mundo en decembro de 2010.

Amnistía Internacional (AI) recolleu testemuños de varios destes dous millóns de traballadores en precario desprazados até o Golfo Pérsico para contribuír co que AI definiu rotundamente como a "Copa da Vergoña", criticando ademais que estes eran sometidos a traballos forzados e condicións de escravitude: "Non poden cambiar de posto, non poden saír nin do país nin do campamento onde residen, e ademais teñen que agardar meses para cobrar os seus salarios, e de queixarse reciben ameazas de ser expulsados do país sen obter os cartos que lles corresponden".

"Benvidos, pero non moito"

Disque na época do dominio español en América o vicerrei ou gobernador colonial de quenda empregaba a expresión "acátase pero non se cumpre" cando algunha cédula real non era do seu agrado. Salvando as distancias, as autoridades qatarís adoptaron publicamente unha postura similar en relación aos dereitos dos membros do colectivo LGTBIQ+ que se despracen até o emirato o vindeiro ano para gozar dos partidos das súas respectivas seleccións. 

Nunhas recentes declaracións públicas, o presidente do Comité Organizador da Copa do Mundo de 2022, Nasser Al-Khater, afirmou que as persoas do colectivo LGTBIQ+ eran "benvidas", para inmediatamente despois matizar, lembrando que a homosexualidade "non está permitida" en Qatar e que "as demostracións públicas de afecto entre as persoas están mal vistas, e iso aplícase a todos".

"Somos xentes modestas e conservadoras, só pedimos que respecten a nosa cultura, igual que nós respectamos as diferentes culturas", tratou de matizar un Al-Khater que, de todos modos, garantiu a "seguridade" e o "dereito a entrar no país" das persoas homosexuais.

Non é da mesma opinión o futbolista australiano Josh Cavallo, un dos poucos profesionais que se atreveron a dar o paso de saír do armario coa súa carreira aínda en activo, quen manifestou o seu "medo" por ter que viaxar até Qatar, manifestacións que foron automaticamente replicadas por Nasser Al-Khater, que insistiu en que alí "ninguén se sinte ameazado". 

Toda esta polémica non debería resultar sorprendente, tendo en conta que a FIFA lle concedeu a organización da Copa do Mundo a unha nación na que numerosas organizacións internacionais denunciaron que non se respectan dereitos humanos fundamentais e que, segundo o último informe sobre aceptación social das persoas LGTBIQ+ elaborado polo Instituto Williams de Leis de Orientación Sexual e de Xénero e Políticas Públicas da Universidade de California (EUA), ocupa a posición 111 de 175 a nivel planetario neste eido.

O anhelo dunha apertura que nunca chega

O activista Fito Ferreiro, fundador da asociación Alas A Coruña, cuestiona se a Fifa "debe organizar eventos en países que non respectan os dereitos LGTBI", e critica o argumento da entidade reitora do fútbol cando sinala que o Mundial "traerá consigo unha apertura", pois esta "logo nunca se produce".

Comentarios