Baloncesto

A PREVIA | O Leyma, a brindar coa Copa Princesa

A escuadra coruñesa debe vencer Estudiantes para levantar o trofeo.
O apoio do 'Tsunami Laranxa' en Madrid será fundamental para contrarrestar a sempre ruidosa 'Demencia' da escuadra madrileña. (Foto: Básquet Coruña).
photo_camera O apoio do 'Tsunami Laranxa' en Madrid será fundamental para contrarrestar a sempre ruidosa 'Demencia' da escuadra madrileña. (Foto: Básquet Coruña).

A Coruña é branquiazul? Maiormente. Pero a cidade herculina tamén é moi verde, como o Liceo de hóckey, e laranxa, cor que identifica un Leyma Básquet Coruña que vive os mellores momentos da súa curta historia, como acredita a súa condición de finalista da Copa Princesa, que de gañala tornaría no galardón máis importante na súa sala de trofeos.

O gran partido terá lugar durante a fin de semana, concretamente o domingo 28 de xaneiro ás 12.30 horas sobre o parqué do vello Pazo dos Deportes de Madrid, actualmente coñecido como WiZink Center, que ten capacidade para case 18.000 espectadores e espectadoras.

Alí a escuadra galega deberá ser quen de sobreporse a un ambiente que se prevé moi hostil, xa que a meirande parte desas localidades estarán ocupadas pola Demencia, o sobrenome que recibe a afección do seu rival, o histórico Estudiantes, un bloque madrileño que en 2021 descendeu á LEB Ouro por primeira vez logo de 64 tempadas ininterrompidas na elite.

Non obstante, Diego Epifanio e os seus pupilos non ficarán abandonados á súa sorte a mercé dos dementes, pois desde A Coruña o grupo de afeccionados e afeccionadas Tsunami Laranxa confirmou o desprazamento de máis de 500 membros para tratar de silenciar cos seus cánticos os berros da Demencia

De feito, desde o club indican que "ante a gran demanda de peticións" para adquirir boletos que están chegando ás súas oficinas, decidiron ampliar o prazo de venda até as 12 horas desta sexta feira. Todas aquelas persoas interesadas terán que dirixirse ao portal web do Básquet Coruña, onde estarán ao seu dispor para a bancada de Tribuna Superior a un prezo de 18 euros para as adultas e 12 no caso das menores de idade.

O seu apoio podería ser fundamental non só para sacar o mal sabor de boca do ascenso perdido a tempada pasada, senón para dar un golpe enriba da mesa ante o seu gran rival de cara á consecución do único posto que da dereito a acceder directamente á máxima categoría sen ter que pasar pola lotería dos play-off, pois actualmente o Estu é o líder da LEB Ouro cun triunfo (15) máis que o Leyma (13).

Unha competición 'moi galega'

A Copa Princesa de Asturias, denominación oficial dun torneo que até 2016 era coñecido como Copa Príncipe de Asturias, é un torneo creado en 1985 pola Real Federación Española de Baloncesto (RFEB) que desde 1997 exclúe do seu cadro os conxuntos da elite para dar espazo aos equipos da LEB.

Desde entón, varias formacións da Galiza lograron facerse co título, sendo a máis destacada neste eido o Breogán de Lugo. A escuadra celeste é a  que máis veces conquistou a Copa Princesa, tres, as mesmas que o Melilla e o Joventut.

A última ocasión en que os da Cidade da Muralla levantaron a Copa Princesa foi moi recentemente, no ano 2021, cando superou na prórroga da finalísima o HLA Alacante por un axustado 85 a 74. No banco do Breogán estaba nin máis nin menos que Diego Epifanio, o actual adestrador do Leyma Básquet Coruña

Mais non é o Breo o único galego que conta con este galardón no seu palmarés, pois COB Ourense tamén gañou -no seu caso, no ano 2000- e o Obradoiro de Santiago fixo o propio en 2011.

Comentarios