Baloncesto

O Básquet Coruña busca o pase para a Copa Princesa

Saquen as calculadoras, porque de seguro as necesitarán. A LEB Ouro baixo o pano da primeira volta repartindo os boletos para ser parte da Copa Princesa, e pese a fechar o mellor primeiro tramo de campionato nos seus 16 anos na categoría de prata, a escuadra herculina, terceira clasificada, non ten garantida unha praza.
O Pazo dos Deportes de Riazor recibirá o decisivo choque co Melilla a partir das 21 horas de hoxe. (Foto: Básquet Coruña).
photo_camera O Pazo dos Deportes de Riazor recibirá o decisivo choque co Melilla a partir das 21 horas desta sexta feira. (Foto: Básquet Coruña).

Emoción, tensión, intriga... a Liga LEB Ouro, a categoría de prata do baloncesto masculino estatal, dirime  os boletos para a disputa da Copa Princesa, fechando así unha primeira volta digna de cine.

Porque en total serán até seis os equipos que chegarán con opcións de clasificarse a unha noite de sexta feira na que Guuk Gipuzkoa e Movistar Estudiantes enfrontaranse en duelo directo cos madrileños dependendo de si mesmos, pero na que a gran ecuación final despexarase tras 40 minutos de xogo coa vista posta en até cinco pavillóns diferentes, un deles o Pazo dos Deportes de Riazor, no que actúa  como local a única escuadra galega metida nesta pelexa, o Leyma Básquet Coruña, que recibe o Melilla ás 21 horas desta sexta feira. 

Sen precedentes nas súas 28 edicións anteriores, nin sequera nas que estiveron máis igualadas, a LEB Ouro tivo en xogo a estas alturas dous boletos para o torneo do KO con seis equipos con opcións matemáticas reais de clasificación, un dato que implica un senfin de combinación e probabilidades.

Máis aínda tendo en conta que o criterio que decidirá polo menos unha desas dúas prazas en liza -senón as dúas- será o average xeral, motivo polo cal o obxectivo de cinco dos seis implicados -incluído o Leyma- será xa non só gañar, senón facelo polo maior número de puntos.

O único que depende de si mesmo é un Movistar Estudantes que conta cunha vitoria de vantaxe sobre os seus tres máis directos perseguidores, un pequeno colchón que podería ser sinónimo de clasificación incluso en caso de derrota.

Por detrás dos madrileños, con 12 triunfos cada un, emerxen Burgos, Leyma Coruña e Gipuzcoa, sendo o rival deste último, precisamente, o líder Estudiantes. De vencer -e de facer o propio casteláns e galegos-, produciríase un cuádruple empate que se resolvería a través do average xeral.

En caso de que perdan, as cousas facilitaríanse para todos. Movistar estaría automaticamente na Copa, deixando a Burgos e Coruña pendentes de gañar e que falle o seu contrincante. 

Comentarios