Leti Rojo: "Gosto dos proxectos que apostan pola xente nova"

A porteira Leti Rojo volve a casa para xogar na Primeira División do fútbol sala
A carballesa, posando coa camisola do Viaxes Amarelle. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A carballesa, posando coa camisola do Viaxes Amarelle. (Foto: Nós Diario)

A filla pródiga volve a casa. Leticia Rojo Pombo, 'Leti Rojo' (Carballo, 1995), regresa despois de máis dun lustro ao Viaxes Amarelle de Fútbol Sala, o equipo no que naceu como deportista con só sete anos e se desenvolveu deportivamente até que con 19 fixo as maletas. No Fisover, A Fervenza e o Ourense Envialia esta porteira creceu como futbolista, volvendo ao seu fogar máis madura e convertida en todo un seguro baixo os tres paus que agarda contribuír á consolidación do equipo na máxima categoría logo de conseguir o anhelado ascenso a Primeira hai tan só unhas poucas semanas.  

Avante Pouca

Como afronta Leticia Rojo o regreso ao clube onde comezou a competir e que a veu medrar?

Desde o día que marchei, tiña claro que algún día volvería á que foi a miña casa durante 11 anos. Chegou o hora, e penso que foi no mellor momento para min. Podería dicir que marchei co propósito de crecer, e volvo co obxectivo cumprido, persoal e  futbolísticamente.

Logo da súa saída do  Viaxes Amarelle FSF pasou por numerosos conxuntos tanto das competicións autonómicas como nacionais, e esta pasada tempada foi porteira do primeiro equipo do Ourense Envialia. Que lle fixo decidirse para competir de novo co  Viaxes Amarelle?

Desde a primeira chamada tiven claro que me atraía o proxecto, sumado á presenza de Jorge Basanta como adestrador e a boa relación do grupo. E, sobre todo, volver vestir a camiseta do Amarelle na máxima categoría era algo difícil de rexeitar.

Cal cre que pode ser a súa achega ao colectivo e ao equipo de cara a esta nova tempada?

Espero achegar compañeirismo e traballo. Na pista gustaríame transmitir seguridade e contribuír con todo o que estea na miña man para axudar ao equipo.

Avante Media 

Se tivo a oportunidade de seguir durante a pasada tempada as evolucións do Viaxes Amarelle, cal é o seu punto de vista sobre a súa aposta de xogo e a campaña que realizaron?

Nunha tempada rara pola Covid-19, chegaron líderes invictas ao parón e culminárona cun merecido ascenso. Iso é algo que fala moi ben do traballo realizado por todo o equipo.

A media de idade do cadro de xogadoras do  Viaxes Amarelle FSF vai ser unha das máis novas da Primeira División, ve que a idade poida chegar a ser un  hándicap para o equipo?

A verdade é que me gustan moito os proxectos que apostan pola xente nova; iso quere dicir que a longo prazo, ben traballado, pode chegar a converterse nun grupo moi sólido. É certo que a experiencia xoga un papel importante ao longo da tempada, pero penso que hai moitos modos de compensalo, e así trataremos de facelo. 

Que agarda conseguir nesta tempada do regreso á Primeira División?

Agardo conseguir todos os obxectivos que nos marquemos a principios de tempada. Vai ser unha liga moi longa, onde teremos mellores e peores partidos e momentos, mais espero que o equipo non baixe os brazos nunca até conseguir alcanzar eses obxectivos.

Avante Toda

Será a terceira tempada de Jorge Basanta no banco do club. Coñecíalo persoalmente con anterioridade? Que che parece a súa metodoloxía de traballo?

Non o coñecía persoalmente, pero todo o que escoite del é moi positivo. Penso que é unha persoa estrita e esixente, e con iso consegue sacar o mellor das súas xogadoras. Teño moitas ganas de empezar a traballar e poder absorber todos os seus coñecementos.

Unhas verbas para a afección como epílogo da entrevista?

Teño moitas ganas de empezar a tempada, por falta de traballo non vai ser. Ogallá sexamos quen de facer gozar a toda a xente que nos segue. E grazas a todas as persoas que fixeron posíbel o meu regreso.

Comentarios