mércores 27/10/21

José Ignacio Prades: "Estamos frustradas por ver que a Covid-19 fai caer toda a nosa programación"

O Atlético Guardés tiña que regresar á acción este domingo, pero o coronavirus volve dilatar unha parada competitiva que se estende xa por un mes e medio. Pese a todo, José Ignacio Prades (Petrer, 1975), técnico do conxunto galego, reivindica a capacidade de adaptación dunhas xogadoras "moi fortes mentalmente". 
O de Petrer leva desde 2016 dirixindo o conxunto galego. (Foto: Atlético Guardés).
O de Petrer leva desde 2016 dirixindo o conxunto galego. (Foto: Atlético Guardés).

—Xa entre outubro e novembro pasado o equipo estivo tres semanas sen competir, outras dúas en novembro e agora, cando por fin ía volver xogar despois de mes e medio de parada, os positivos detectados primeiro no Elxe e despois no Lanzarote atrasaron aínda máis ese regreso á competición. Como se consegue manter a concentración, a intensidade e o ritmo  neste contexto tan complicado?

Esta situación supón un grande esforzo a nivel mental, sobre todo por parte das rapazas. Estamos caendo na frustración de ver que todo o que propomos, todo o que programamos, non se pode levar a cabo. Intentamos disumulalo como podemos, pero resulta moi complexo para elas non ter un partido no horizonte. É necesario ter sempre un obxectivo competitivo para manter a intensidade, e este xaneiro a cousa ía cambiar, porque chegaba un mes cargado de traballo, de retos... un mes moi complexo, si, pero a caída dos compromisos foi un pequeno golpe para todas. De todos modos, agardamos recolocar o partido de Lanzarote o antes posíbel. Estabamos moi ilusionadas coa idea de ter este domingo o partido de competición europea, pois sabíamos que o rival chegaría tamén moi motivado e nós estabamos traballando ben, concentradas, animadas e con moitas ganas, pero non puido ser. 

—Poden estas paradas no calendario que vimos comentando estar detrás das numerosas lesións que vén padecendo o equipo nos últimos tempos?

Loxicamente, é posíbel que exista algunha correlación entre a non actividade e as lesións, pero non só para nós, senón para a gran maioría de deportistas desta e doutras disciplinas. O certo é que, en última instancia, isto é un reto para todos e todas, para deportistas, preparadores físicos, clubes... todas as que temos que xestionar unha realidade distinta á habitual que nos obriga a adaptaranos.

—O partido do domingo contra o Elxe na EHF European Cup tiña que representar o seu regreso a Europa 10 meses despois, pero os positivos nas alacantinas impidiron disputar o choque, o que converte o Atlético Guardés en equipo de cuartos de final. Como afrontaban esta eliminatoria a partido único e como recibiron a nova da clasificación automática?

Precisamente no adestramento da tarde da segunda feira comentamos coas xogadoras que tomabamos a eliminatoria pensando que o resultado na ida foi un empate, así que na volta todo partía de cero e este domingo, cando saltásemos á pista, xogaríamonolo todo a unha carta. Para min era unha boa forma de enfocar este choque, pero sabíamos que a cancelación era algo que podía acontecer, que os positivos no Elxe fosen a máis e a eliminatoria non se puidese disputar. Esta situación tan complexa é nova para todas, imos sobre a marcha, facendo un mestrado sobre a mesma tanto xogadoras como técnicos, clubes... até a propia competición. Polo momento avanzamos dúas eliminatorias sen xogar, e recoñecendo que a decisión da organización foi acertada, isto non nos pon contentas, pois preferiríamos conseguilo sobre a pista, malia que recoñezo a nosa fortuna, pois perfectamente poderíamos ter sido nós. 

—Saíndonos un pouco do curto prazo e pondo a mira no futuro, cales son os obxectivos finais do Atlético Guardés nesta atípica tempada?

É tan complicado mirar máis aló do día a día que optamos por non pensar niso, porque cada cousa que pensamos pode cambiar cada semana ou mesmo dun día a outro, e iso é unha auténtica faena. Molesta moito facer un traballo en decembro pensando no que farás en xaneiro e que, de súpeto, as cousas cambien totalmente... É moi difícil traballar así. Por iso penso que marcarse obxectivos a longo prazo é contraproducente agora mesmo.

—Eu malíciome que me vai contestar algo similar, pero hai  pouco  máis  dun ano, a  finais de febreiro de 2020, renovaba por un ano máis, o quinto consecutivo, como técnico do Guardés. Como se atopa a súa situación contractual a día de hoxe?

Si (ri). Polo tema que acabamos de comentar, teño que contestar que aínda non nos sentamos a falar. Certo é que sempre é por estas datas cando retomamos as conversas para preparar o ano seguinte, pero agora estamos tan metidos en saír adiante do mellor modo posíbel que resulta complicado aventurar o que pode pasar o ano que vén. Pero en breve penso que tanto o clube como eu mesmo nos sentaremos para falar do ano próximo e planificar as cousas co seu debido tempo.

José Ignacio Prades: "Estamos frustradas por ver que a Covid-19 fai caer toda a nosa...
comentarios