O Guardés afronta un mes "chave" para os seus devezos

O maratón de seis partidos en pouco máis de 20 días será "intenso e bonito", di o técnico José Ignacio Prades.
O Elche será o rival das galegas no 'Last 16' da EHF European Cup. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera O Elche será o rival das galegas no 'Last 16' da EHF European Cup. (Foto: Sportcoeco).

O Atlético Guardés volve das súas longas vacacións para afrontar un mes de xaneiro "intenso, bonito e importante". Así describe o técnico do Guardés, José Ignacio Prades, o reto que están a piques de afrontar as súas xogadoras.

Esa "intensidade" da que fala o adestrador valenciano vén marcada pola disputa de seis partidos en pouco máis de 20 días; a "beleza", porque é "intrínseca a calquera reto"; e a "importancia", no feito de participar nunha competición europea, na Copa da Raíña e no tramo decisivo da Liga Guerreiras Iberdrola.

"Coñeceremos un pouco o futuro", apunta Prades, que se mostra "expectante" ante unha volta ao traballo que tivo a boa nova das recuperacións de Rosario Urban e Sarah Valero, polo que só queda na enfermaría guardesa Martina Mazza.

Con todo, o adestrador do conxunto galego lembra que Laura Morales e África Sempere "aínda non están ao 100%", mais considera "importante" ir sumando efectivos para afrontar un tramo da tempada no que "as rotacións e dosificar esforzos vai ser súper importante".

Prades móstrase ilusionado ante este comezo de 2021 tan cargado de compromisos, que obriga a que, case contra o reloxo, o Guardés teña que recuperar o ritmo de competición para saír airoso dun mes que determinará o éxito ou fracaso do equipo do sur da Galiza na tempada 2020-21. 

Elxe, primeiro paso do camiño á gloria europea

Exactamente dez meses despois do seu último partido europeo na tempada 2019/20 -concretamente o 8 de marzo contra o Aula Alimentos de Valladolid na Sangriña- o Atlético Guardés volve disputar un choque correspondente a unha competición continental, concretamente da EHF European Cup.

O Balonmano Elche será o primeiro rival da escuadra galega no 'Last 16' dun torneo no que se tiña que ter estreado xa no pasado mes de novembro de 2020, pero a causa das restricións sanitarias no seu país, o LK Zug suízo non puido participar na terceira rolda da EHF. 

Xa que logo, a Federación Europea tomou a decisión de clasificar automaticamente o Guardés para o 'Last 16', enfrontándose en primeiro lugar co Elche, un equipo co que aínda non se encontrou na Liga por estar encadrado nun grupo diferente.

Comentarios