Joaquín Maguna, adestrador do Vigo Rugby Club: "O rugby transmite valores de respecto e traballo"

O rugby é un deporte que require traballo, constancia e compañeirismo. Algo que saben ben no Vigo Rugby Club, cuxo equipo feminino foi proclamado subcampión da liga galega. Nós Diario conversou co seu adestrador, Joaquín Maguna, sobre o decorrer da temporada e a situación do deporte.
Joaquín Maguna, adestrador de Rugby (Foto: Diego Dolan).
photo_camera Joaquín Maguna, adestrador de Rugby (Foto: Diego Dolan).

—Como valora a liga regular esta temporada, así como o desenvolvemento do equipo ao longo dela?
Tivémolo que tomar con paciencia, é un proceso longo. A nivel resultados, a primeira volta foi relativamente mala e tamén en termos de xogo, mentres que a segunda xogamos moito mellor, notouse o traballo que viñamos realizando. Conseguimos gañar nas semifinais da liga e chegamos á final, que desafortunadamente non puidemos vencer, probabelmente gastaramos moita enerxía nas semifinais.

—Esta temporada varias xogadoras do Pontevedra Rugby Club xogaron no equipo que vostede adestra. Como foi a adaptación desas deportistas?
Era necesario que dalgunha maneira nos xuntásemos. Nós teriamos que ter xogado moi ao límite, sobre todo ao final de temporada tendo en conta as lesións, e no caso do Pontevedra tamén terías moitas dificultades para levar adiante a temporada. Así que estaba claro que tiñamos que facelo, desde logo no que ten a ver cos termos deportivos.

—Como ve a situación do rugby na Galiza actualmente?
Complicada. O deporte en xeral está difícil, o rugby a nivel mundial está pasando un momento difícil. A un nivel máis achegado, agora hai moitas máis posibilidades de practicar diferentes deportes e hai menos rapaces adolescentes que decidan practicar rugby. De todos os modos, hai moi boas xogadoras e xogadores de todas as idades. 

—Que valores transmite o deporte do rugby?
Respecto e traballo en equipo, como todos os deportes, mais no rugby mesmo un pouco máis, non se pode insultar o árbitro, hai que tratalo de 'vostede', os xogadores da elite sempre deixan ben recollidos e limpos os vestiarios despois dos partidos e demais. Tamén é necesario nun deporte como o noso, en que reciben máis golpes que noutros.
Debe haber ese respecto cara ás normas e cara aos rivais para que todo vaia ben.

No rugby é preciso axudar as compañeiras en todo momento, se están placando a túa compañeira, debes achegarte moito para axudala a avanzar. A nivel táctico, este deporte require este tipo de cousas que considero que crean unhas sinerxías especiais. 

—Que depara o futuro do rugby na Galiza? Hai esperanza?
Hai esperanza, claro que si. Eu traballo disto, adestro rugby, se non vise esperanza preguntaríame que estou facendo aquí. Ademais ves rapazas e rapaces moi interesantes que é algo que buscabamos hai anos e conseguímolo, co cal agora a cuestión é como imos desenvolver ese talento mozo, que será con traballo e paciencia. Vemos rapazas de 17 anos que levan xogando ao rugby nove, e iso é algo que non acontecía hai tempo. Tamén nos encontramos con rapaces que comezaron a xogar ao rugby de pequenos, algo que tampouco pasaba hai uns anos.

As xogadoras e xogadores mozos son fabulosos, por iso temos esperanza. Conseguimos que haxa xente interesada por este deporte, mais agora trátase de construír a partir de aí, a base de desenvolver moito traballo, algo que tamén ensina o rugby.

O deporte, en xeral, axuda a que se aprenda como é a vida. No rugby, por exemplo, encóntraste cun reto durante 80 minutos. Nese intervalo de tempo, se se cumpren os mínimos para que che vaia ben, vaiche ir ben. O meu traballo como adestrador, a fin de contas, é tentar optimizar o rendemento de todas e cada unha das miñas xogadoras, xestionalas tanto nos adestramentos como nos partidos e entendelas. Ao final, como na vida, é un proceso.

Comentarios