Entrevista

Jessica Bouzas, tenista: "O meu soño é levantar algún día o Roland Garros"

Non é a Galiza, tradicionalmente, terra de tenistas. A meteoroloxía complica o mantemento das pistas da omnipresente terra batida, polo que os novos talentos como Jessica Bouzas (Vilagarcía, 2002), a tenista galega máis prometedora, vense obrigados a facer as maletas para medrar no deporte que aman.
A superficie preferida da vilagarciá é a terra batida. (Foto: ATF).
photo_camera A superficie preferida da vilagarciá é a terra batida. (Foto: ATF)

—En Australia tivo vostede a súa primeira toma de contacto cun 'Grand Slam' como profesional. Alí realizou un gran papel, superando os dous primeiros compromisos e quedando a un paso de entrar na fase final, chegando a poñer contra as cordas a talentosa Fruhvirtova, a súa rival.
Valoro de forma moi positiva esa semana que pasei en Australia, independentemente dos resultados, aínda que estou moi contenta por eles tamén. Ía con moitas ganas pero con poucas expectativas, alén de gozar e dalo todo, e ao final todo foi bastante ben, incluso no último partido con Fruhvirtova. Estivo moi disputado, chegamos a case tres horas, e o que marcou a diferenza foron detalles no terceiro set nos que ela estivo mellor, así que o que toca é aprender moito do partido e da derrota.

—Cal é o seguinte paso para Jessica Bouzas despois desta experiencia en Australia?
Este próximo domingo [22 de xaneiro] voamos a Inglaterra para xogar o único torneo que temos planificado. Despois xa se verá. Polo de agora eu sigo no mesmo: traballar cada día, tratar de facelo o mellor posíbel, dar o máximo e se os resultados chegan, pois xenial.

—Ese torneo en Inglaterra é o W60 de Sunderland, onde chega como sexta competidora con mellor ránking WTA [193] e no que xogará baixo teito e sobre pista dura. O seu tenis é moi polivalente, polo que resulta difícil etiquetala nun estilo concreto. Como se definiría vostede mesma como tenista?
Eu adáptome a calquera pista, coa excepción da herba, na que aínda non puiden xogar. Tanto en terra como en dura non teño ningún tipo de dificultades.

—Terra ou rápida. Con cal das dúas superficies se quedaría?
Creo que coa terra, porque deslizarme é algo co que gozo bastante. Realmente en pista dura tamén o fago, pero é mellor na terra, se teño que escoller unha, porque a sensación é distinta.

—Polo tanto, e postos a soñar, supoño que sería Roland Garros o 'Grand Slam' que algún día lle gustaría levantar...
Correcto [ri].

—Ese soño semella aínda algo afastado, pero a súa carreira vai por moi bo camiño. Tanto, que comezou o 2022 entre as 400 mellores do mundo e arranca o 2023 entre as 200. Obxectivo entrar no 'Top-100' para comezos do '24?
É un bo obxectivo, non hai que descartalo, pero como digo sempre se ti fas ben as cousas, traballas e tes empeño abondo para estar aí, chegará. Ademais, hai cousas que non podemos controlar, como as lesións, que poden impedir alcanzar ese obxectivo de cifra. Se ten que chegar, chegará.

—Todo isto ten lugar a oito anos vista da súa marcha da Galiza para adestrar na Academia Ferrer, en Alacante. En perspectiva, como valora esa decisión?
Era algo que había que facer, porque na Galiza sempre chove, hai moi poucas pistas de terra... dar ese paso fíxome mellorar moitísimo en todos os aspectos, igual que o que veño de dar de mudarme a Madrid agardo que me axude a medrar.

—O do tempo e as pistas como problema para xogar un tenis de nivel é algo que teñen comentado máis competidoras de nivel. Falta estrutura aquí?
Si, para adestrar en pistas de terra é moi complicado pola meteoroloxía, non é algo que se poida controlar, é moi difícil manter unha pista de terra batida na Galiza.

—E por que non montamos pistas de herba e solucionado?
Tendo en conta que hai tan poucos torneos de herba, penso que de cara a Wimbledon as galegas seríamos unhas cracks [ri].

Vivir do tenis, unha meta moi complicada

No pasado, unha Jessica Bouzas máis nova sinalaba que unha das súas metas era coarse no 'Top-150' do ránking mundial da WTA porque era a posición, segundo estimaba, que lle permitiría "vivir do tenis".

Despois de moito traballo e moitos sacrificios, incluído facer as maletas con só 13 anos para deixar a casa familiar e adestrar na Academia Tenis Ferrer, en Xábia (Alacante), está moi perto de alcanzar ese posto, algo que a pon "contenta", aínda que entre risos sinala que "hai que aspirar a un pouquiño máis, porque quizais na posición 150 aínda non se pode vivir do tenis".

"Son consciente de que [o Top-150] é algo que está moi ben, pero este é un deporte moi caro, no que hai que facer moitos investimentos, e resulta un pouco complicado", indica a vilagarciá Jessica Bouzas, que recoloca a meta de vivir do tenis no "Top 100 ou 110".

Comentarios