Jennifer Hermoso declara ante a Xustiza polo bico de Luis Rubiales

O mandatario insiste en que houbo "consentimento".
A xogadora, onte en Madrid. (Foto: EP).
photo_camera A xogadora, onte en Madrid. (Foto: EP).

A futbolista Jennifer Hermoso desprazouse esta terza feira á Audiencia Nacional para declarar ante o xuíz instrutor que investiga o ex presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, polos presuntos delitos de agresión sexual e coaccións polo bico na boca que lle propinou á xogadora durante a celebración da vitoria no Mundial de Australia.

Hermoso chegou ás dependencias deste tribunal especial acompañada do seu avogado ás 9.50 horas da mañá, acudindo así á citación que o titular do Xulgado Central de Instrución Número 1, Francisco de Jorge, realizou para que declarase como testemuña xa o pasado 28 de novembro.

Porén, dúas das defensas -entre elas a do propio Rubiales- solicitaran o aprazamento no seu momento por coincidirlles con outros procesos xudiciais.

Na súa declaración, a xogadora de fútbol narrou o momento no que recibiu o bico despois de que o combinado estatal gañase o Mundial. Segundo o seu relato, abrazouse con Rubiales e afirmou "a que liamos", momento no que o mandatario pegou un brinco sobre ela respondéndolle "este Mundial gañámolo grazas a ti". 

"O seguinte xa foron as súas mans na miña cabeza e non escoitei nada máis, vinme co bico na boca e xa directamente baixeime á tarima coas miñas compañeiras, non o esperaba", rememorou Hermoso.

Polo contrario, Luis Rubiales defendeu ante o xuíz que o bico foi "unha mostra de afecto" que se produciu "de forma natural" e "á luz de millóns de ollos", apostilando que foi "con consentimento".

A preguntas do avogado de Hermoso, aseverou que se trataba dunha "celebración totalmente extraordinaria", que preguntou á xogadora antes de darlle o bico e que todo aconteceu, insistiu, "con consentimento".

Comentarios