Irene Trabazo e Iván Feixoo voan sobre a lama na Copa Galiza

A dureza do ciclocrós multiplicouse a causa do tempo.
Trabazo (centro), escoltada no podio por Xiana Conde (esquerda) e María Jesús Barros (dereita). (Foto: FGC).
photo_camera Trabazo (centro), escoltada no podio por Xiana Conde (esquerda) e María Jesús Barros (dereita). (Foto: FGC).

A terceira xornada da Copa Galiza de Ciclocrós foi a primeira da tempada marcada pola lama, provocada polas fortes choivas dos últimos días, que multiplicou a esixencia dun circuíto deseñado a carón do Estadio Vero Boquete, onde o frío acompañou de principio a fin ás preto de 200 participantes nesta XIX edición do ciclocrós Cidade de Santiago, organizado polo Clube Ciclista Compostelano-Muebles Compostela. 

O primeiro acto desenvolvérono as competicións das Cadetes, dominadas por André Martínez (Avanza) e María Filgueiras. A representante do Caimanes de Betanzos volveu superar, aínda que con máis dificultades que no seu anterior triunfo, a líder Uxía Soto (Avanza).

A seguir disputáronse as probas dos grupos de idade Máster. Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Andrés Calvete (Monte Xalo) impuxéronse en Máster-30; Natalia Raña (Corbelo) e José Rodríguez 'Tami' (Norinver) subiron ao máis alto do podio entre as Máster-40; Juan José Saborido (Speedcross) anotouse a vitoria nos Máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel), nos Máster-60. A partir desta carreira, a choiva fixo acto de presenza, brillando durante toda a última quenda de carreiras, na que entraron en acción as Elite/Sub-23 e as Júniors de ambos os sexos.

A primeira carreira de Feixoo desde Tábor

As dúas grandes favoritas nas súas categorías fixeron bos todos os prognósticos. Así, a Elite Irene Trabazo (XSM) prolongou o seu pleno de vitorias na competición, e o Sub-23 Iván Feixoo -terceiro no último Mundial- estreouse na Copa Galiza vencendo na carreira masculina logo de superar a Daniel López (Cambre), que tivo o consolo de recuperar o maillot de líder Elite das mans de Saúl López (Maceda).

Na súa primeira competición despois de lograr un histórico terceiro posto na Copa do Mundo de Tábor (República Checa), Iván Feixoo tivo que saír desde as últimas posicións por tratarse do seu debut no torneo, pero o alaricano realizou unha remontada exprés e no final da primeira volta xa contaba con case medio minuto de vantaxe sobre o segundo clasificado.

Por detrás do campión de España Sub-23 tivo lugar a batalla polo primeiro posto Elite e tamén polo maillot de líder, pois Daniel López e Saúl López chegaban a Compostela igualados a puntos no máis alto da xeral. Finalmente, o empate desfíxose en prol do corredor do Cambre-Renault Caeiro, Daniel López. O coruñés cruzou a liña de meta a 2.25 de Feixoo, superando a Brais Sendín (Louriña). Terceiro entre os Elites rematou o monfortino Saúl López.

En canto ás mulleres Elite-sub23, Irene Trabazo mantense invicta nesta edición da Copa Galiza. A marinense volveu gañar con moita comodidade, e nesta ocasión acompañárona no podio Elite Xiana Conde (Maceda) e María Jesús Barros (Spol), segunda e terceira respectivamente. Os triunfos entre as Júniors corresponderon a Laura Mira (Avanza) e a Miguel Rodríguez (Ponteareas).

Polo tanto, os ránkings do torneo teñen catro novas líderes: ademais de Daniel López nos Elites; Laura Mira recuperou a primeira posición nas Júniors; Anxo Carril (Coruxo) desbancou o seu compañeiro de equipo, Ricardo Buba, nos Júniors; e ‘Tami’ chegará co maillot de líder á fin de semana do 19 e o 20 de decembro, na que se desenvolverán as últimas dúas carreiras deste certame ciclista.

Comentarios