A Copa Galiza de Ciclocrós regresa con Iván Feijoo como grande atracción

O terceiro clasificado na Copa do Mundo debuta mañá.
O galego, no terceiro chanzo do podio (Foto: RFEC).
photo_camera O galego, no terceiro chanzo do podio (Foto: RFEC).

A Copa Galiza de Ciclocrós 2020 volve mañá para desenvolver a súa terceira xornada, que terá Compostela como sede. A lama a carón do estadio Vero Boquete, no barrio de San Lázaro, será onde teña lugar unha carreira na que brillará o nome dun debutante: Iván Feijoo.

O alaricano, actual campión de España Sub-23, vén de conseguir o terceiro posto na Copa do Mundo desenvolvida hai pouco máis dunha semana na localidade checa de Tábor, onde se converteu no primeiro galego en pisar o caixón nun Mundial.

Nunha tempada na que marcou como obxectivo "dar outro paso adiante a nivel internacional", o ciclista do Nesta-Skoda volve competir nunha proba na súa terra once meses despois de revalidar a súa coroa estatal en Pontevedra. Concretamente, ás 14 horas, na última quenda de saídas da XIX edición do Ciclocrós Cidade de Santiago.

O tempo favorece o espectáculo sobre a lama

Ademais da presenza do número tres do mundo, que suporá unha dura competencia para os líderes Dani López (Cambre-Renault Cairo) e Saúl López (Academia Postal-Maceda), que están igualados a puntos no máis alto da clasificación xeral, o espectáculo verase favorecido polas fortes choivas caídas nos últimos días, o que provocou a presenza de grandes cantidades de lama no circuíto de 2.500 metros que conforma a carreira organizada polo Clube Ciclista Compostelano-Muebles Compostela.

A primeira proba arrancará ás 10 horas coas cadetes, seguidas ás 10.45 cos Máster-30, 50 e 60 masculinos, así como das mulleres Máster.

A quenda dos homes Máster-40 está prevista para ás 12.45 horas, e as competicións Elite/Sub-23 e Júniors, de ambos os sexos, serán o prato forte da xornada a partir das 14 horas.

Comentarios