A I Copa Galiza de 'Pump Track' de ciclismo estrearase na Caniza

A competición reforza as modalidades 'gravity'. 
O circuíto de 'Pump Track' da Caniza (Foto: Nós Diario).
photo_camera O circuíto de 'Pump Track' da Caniza (Foto: Nós Diario).

Este domingo será un día histórico para o ciclismo na Galiza. O municipio da Caniza (comarca da Paradanta) abrirá a primeira edición da Copa Galiza de Pump Track, un novo certame nacional que reforza a aposta da Federación Ciclismo Galego polas modalidades "gravity". 

O calendario desta competición consta de catro eventos. Despois da apertura desta fin de semana, impulsada polo PonteBike Team, o treito final do verán resultará frenético.

Para o 19 de agosto está fixado o Pump Trump Concello de Mugardos, co Pulpeiros Mugardos exercendo de equipo anfitrión. O 2 de setembro esta flamante Copa Galiza chegará á comarca de Ourense, onde se quedará até a súa conclusión.

Primeiro disputarase o I PumpTrack Nocturno Pereiro de Aguiar, da man do club Os Afiadores, e quince días máis tarde porá o ramo ao calendario o I Pump Track Ourense, organizado polo Maese Riders Team. 

Este certame ofrece todas as categorías: Promesa, Principiante, Alevín, Infantil, Cadete, Júnior, Sub-23, Elite e Máster 30-40-50-60. A inscrición é gratuíta en todas as categorías, excepto en Elite e Masters. 

Esta será a oportunidade para estrear cunha competición importante o circuíto da Caniza que se inaugurou o pasado mes de xuño. Un dos colaboradores no seu deseño, o técnico Álex Durán (responsábel das probas do BMX do festival O Marisquiño), asegura que “é o máis completo de toda Galiza”. A infraestrutura suma máis de 3.300 m² para a práctica de deporte urbano, divididos no skatepark (1.820 m²), o pumptrack (715 m²), zonas verdes (744 m²) e unha zona de acceso (26 m²).

Auxe da práctica 

O pump track consiste nun un circuíto de pequenas dimensións preparado para percorrerse en monopatín ou en bicicleta. A principal condición que se exixe nos deportes que nel se practican é que os desprazamentos teñen que realizarse impulsándose exclusivamente mediante a inercia adquirida cos saltos e peraltes. 

Comentarios