sábado 23/10/21

O HC Galychanka Lviv será o rival do Atlético Guardés na Copa EHF

A eliminatoria será os días 13-14 e 20-21 de febreiro
As rivais do Atlético Guardés. (Foto: HC Galychanka Lviv).
As rivais do Atlético Guardés. (Foto: HC Galychanka Lviv).

O Clube Balonmán Atlético Guardés coñeceu na mañá de hoxe o nome do equipo que será o seu rival nos cuartos de final da EHF European Cup: o HC Galychanka Lviv de Ucraína, un habitual das competicións continentais. 

A Federación Europea de Balonmán contempla as fins de semana do 13-14 e 20-21 de febreiro para disputar os dous partidos da competición, estando a ida fixada para o seu desenvolvemento no país de Europa do leste.

Aínda queda lonxe, pero en caso de superar este escollo contra o Galychanka Lviv o equipo galego mediríase en  semifinais contra o gañador da eliminatoria entre o Rincón Fertilidad Málaga (España) e o AC Paok (Grecia).

Entre medias, desde a escuadra do sur da Galiza agardan que os casos de coronavirus deixen de xurdir nos seus rivais, como vén sucedendo nas últimas semanas, para poder volver competir logo dunha parada que se estende xa por case dous meses.

Así, se a Covid-19 non o impide, o seu vindeiro compromiso será este sábado 23 de xaneiro ás 19 horas no Pavillón da Sangriña da Guarda, nun choque correspondente á novena xornada da Liga Guerreiras Iberdrola.

O Balonmán Cangas ten un novo presidente

Por outra banda, a pouco máis dunha hora casa do Atlético Guardés, o Balonmán Cangas desenvolveu unha Asemblea Xeral de Socios e Socias na que se escolleu o novo presidente do equipo, Alberto González´.

Este chega ao cargo logo de que o seu predecesor, Manuel Camiña, resultase inhabilitado pola Federación Española de Balonmán, que o acusa de realizar "declaracións que atentan contra a dignidade e decoro contra o presidente desta Federación e os seus órganos de goberno".

comentarios