PILAR NEIRA, EX-SELECCIONADORA DE FúTBOL PRAIA FEMININO

"Había xente pedindo a miña cabeza"

Conversamos con Neira após serlle comunicado o seu cesamento. "Cónstame que houbo presións da Xunta", afirma.

Pilar Neira
photo_camera Pilar Neira

Pilar Neira é un nome senlleiro do fútbol feminino galego. Foi seleccionadora oficial e durante os últimos tres anos dirixiu a equipa nacional de fútbol praia con quen situou Galiza no pódium en multiples ocasións. 

A comezos desta semana foille comunicado o seu cesamento por parte da Federación galega de fútbol. Descoñece as razóns do seu despedimento pois, afirma, "motivos non me deron", mais intúe que ten a ver coas declaracións feitas no encontro de Siareir@s Galeg@s en Lugo onde foi galardoada polo seu contributo ao deporte feminino no país. 

Neira asegura que após o acontecido "o meu ciclo deportivo rematou". 

Como che comunicaron o cesamento?
Foi por teléfono. Chamáronme para me dicir que non ía continuar mais motivos non me deron. Dixéronme que era un cesamento temporal pero eu non quero nada máis con esta xente. 

Intúes cales puideron ser as razóns?
Non o sei con certeza, será algo que terán que explicar desde a Federación mais coido que ten a ver coas declaracións que fixen no encontro organizado por Siareir@s. [Pilar Neira foi unha das galardoadas nese acto en recoñecemento polo seu traballo a prol do deporte feminino na Galiza]. Desde aquela había xente pedindo a miña cabeza. Cónstame que a dirección anterior recibiu presións da Xunta e eu xa intuía que isto podía acontecer. Nos últimos tres anos fun a única que conseguíu títulos e, aínda así, fun a única cesada. 

Cal foi a reacción das xogadoras?
Case todas me mandaron mensaxes que me fixeron emocionarme. É o que hai, este é un posto de libre designación. Sei que haberá quen estea festexando mais houbo representantes da Federación española [de fútbol] e xogadores de fútbol praia que me fixeron chegar o seu apoio. 

"Nos últimos tres anos fun a única que conseguíu títulos e, aínda así, fun a única cesada"

Quen te substituirá?
Todo apunta que será Domi, o meu segundo até o de agora. Quedan en moi boas mans e saben que estarei con elas aínda que non sexa in situ. 

Tes en mente novos proxectos?
O meu ciclo deportivo rematou. Aportei bastante, acadamos 8 campionatos estatais, un sub-campionato, campionatos galegos... O meu ciclo remata aquí, xa non me vexo con gañas. 

Queda un mal sabor de boca?
Si. Quen me coñece sabe que este sería o meu último campionato. De feito, das máis pequenas xa me despedira. A miña idea era desvincularme xa do banquiño. O que non agardaba é ser cesada. Que expliquen por que o fixeron. 

Comentarios