O Atlético Guardés quere acabar co meigallo de Granollers

O Porriño visita o fechacancelas da Liga Guerreiras de Balonmán, Atac Oviedo
Cabeza, técnica do Guardés, anunciou que deixará o club no verán. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Cabeza, técnica do Guardés, anunciou que deixará o club no verán. (Foto: Atlético Guardés).

Volve a Liga Guerreiras de Balonmán, e con ela os dous representantes da Galiza na elite do balonmán feminino estatal, Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa O Porriño.

A escuadra arraiana porá rumbo a terras catalás para enfrontarse este sábado (18 horas) ao Granollers na décimo séptima xornada de campionato, nun encontro que suporá un dobre reto para o conxunto miñoto: manter a súa serie de imbatibilidade -suma sete vitorias en Liga e unha na Copa- e romper o seu maleficio no feudo catalán, onde non vence en competición doméstica desde a tempada 2017/18.

"Ao Guardés dáselle especialmente mal Barcelona, e elas teñen un impulso moi positivo no seu campo", dixo a preparadora galega, Cristina Cabeza, quen, non obstante, puxo o foco no gran estado de forma das súas para "motivarse" e "vencer alí despois de moito tempo".

A adestradora do Atlético Guardés tamén é noticia despois de anunciar nas súas redes sociais, a falta de varios meses para a conclusión da presente tempada, que non seguirá no seu cargo durante a vindeira campaña.

O club reaccionou a esta información cun comunicado recoñecendo que, "debido á crise económica" que atravesa a institución, o Consello de Administración "decidiu prescindir de Cristina Cabeza", un cambio de rumbo que, insisten, xustifícase "exclusivamente" sobre razóns "económicas". 

Máis tranquilas baixan as augas no Balonmán O Porriño, que ás 20 horas do sábado saltará á pista do fechacancelas, Lobas Global Atac Oviedo, co obxectivo de sumar dous puntos que o acheguen a un liderado do que só está separado por cinco.

Derbi galego na Copa do Rei de Balonmán

A Real Federación Española de Balonmán (RFEB) levou a cabo onte en Madrid o sorteo da segunda rolda da Copa do Rei, unha competición na que aínda sobreviven tres equipos do país: Cangas Frigoríficos do Morrazo, Valinox Atlético Novás e Club Cisne Colexio Os Sauces.

A sorte, boa ou mala, iso queda aberto á interpretación, quixo que estes últimos, Novás e Os Sauces, colidan nun derbi que garantirá a un deles un posto na terceira fase. O Cangas, pola súa parte, deberá superar o Eón Balonmán Alacante nun partido -igual que o derbi- previsto para o día 20 de marzo, mais aínda sen horario oficial. 

Comentarios