Duro sorteo copeiro para Atlético Guardés e O Porriño

Ambos os conxuntos xogarán lonxe da Galiza.
O Guar´des é o favorito na súa eliminatoria. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O Guar´des é o favorito na súa eliminatoria. (Foto: Atlético Guardés).

A rúa Ferraz, en Madrid, continúa estando de actualidade, pero nesta ocasión non por razóns políticas, senón deportivas. Alí, ademais da sede do Partido Socialista, tamén está a da Real Federación Española de Balonmán (RFEB), onde onte tivo lugar o sorteo da segunda rolda da Copa da Raíña, estando dentro do bombo as bolas cos nomes dos galegos Balonmán O Porriño e Mecalia Atlético Guardés.

Alí, a sorte quixo que a escuadra miñota colisione contra Motive.co Xixón A Calzada, mentres que a porriñesa fará o propio contra Replasa Beti-Onak. Ambas xogaranse o pase como visitantes, a partido único e nunha data e horario aínda por concretar, mais de seguro entre o 20 e 0 21 de xaneiro de 2024, tal e como avanzou a RFEB.

Desde A Guarda, a súa adestradora, Cristina Cabeza, manifestou despois de coñecer a noticia de que a súa rival será a formación asturiana que "ningunha das dúas partes implicadas pode dicir que foi afortunada".

A pesar dos positivos antecedentes cos que conta no pasado recente -en 2022 xa coincidiron nos cuartos de final copeiros, sendo o Guardés o que superou a eliminatoria, e no seu enfrontamento na segunda xornada da Liga Guerreiras da presente tempada tamén gañaron as galegas- Cabeza non se confía, resaltando o feito de que "xogar en Xixón sempre e complicado" e lembrando que tamén terán que visitar o Pavillón da Arena o 29 de xaneiro de 2024 no marco dunha competición da regularidade na que o Atlético Guardés é sexto con 12 puntos e a entidade asturiana ocupa a posición de fechacancelas con só dous.

Máis igualada semella, canto menos sobre o papel, o Replasa-Porriño, pois tanto as da vila natal do ciclista Miguel Indurain (Villaba, Navarra) como as do sur da Galiza levan demostrando un rendemento moi semellante na Liga, onde están distanciadas por unicamente dous puntos.

Como no caso do Guardés, o precedente ligueiro é favorábel ao Balonmán O Porriño, pois logrou imporse no pavillón que leva o nome do cinco veces gañador do Tour de Francia por 18-21.   

Comentarios