O Guardés enfróntase co Rocasa co obxectivo de afianzarse en Europa

Será o derradeiro partido de José Ignacio Prades na Sangriña.
O Atlético Guardés superou San José Obrero por 29-20. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera O Atlético Guardés superou San José Obrero por 29-20. (Foto: Sportcoeco).

O Mecalia Atlético Guardés alcanza hoxe (20.45 horas) o final do seu traxecto na  Sangriña esta tempada. José Ignacio  Prades despedirase da afección nun partido de alto nivel fronte Rocasa Gran Canaria. 

O conxunto amarelo vén de gañar a EHF European Cup -precisamente por ese motivo tivo que ser aprazado este encontro, que debía disputarse o 8 de maio-, e está en plena loita con Costa do Sol Málaga e Unicaja Banco Xixón por finalizar como subcampión dunha Liga Guerreiras que Bera Bera gañou hai semanas. 

Desa batalla caeu o Guardés coa súa derrota do pasado sábado precisamente ante as malagueñas. Pero as de negro e amarelo aínda teñen opcións de meterse en Europa, e non poden fallar, pois deben sumar polo menos tres puntos nos dous encontros que quedan para selar o obxectivo. De non ser así, habería que esperar que fallen Granollers e Elxe.

A derrota do pasado sábado en Málaga foi un duro golpe, tal e como recoñeceron as xogadoras despois do partido, pero a Liga Guerreiras nunca deixa tempo para laiarse.

As únicas que teñen escusa son Carolina Silva, recentemente operada do tendón de Aquiles, e Hannah Nunes, que aínda que está a entrar nas convocatorias está inmersa no tramo final da súa recuperación de cruzado e non pode xogar.

O choque será especial, a maiores, porque será o derradeiro de José Ignacio Prades no Pavillón da Sangriña tras seis tempadas históricas para a entidade. Será, sen dúbida, un día moi especial para el, quen non obstante manifestaba poucas horas antes do choque sentirse "tranquilo".

"Intento non pensar que vai ser o meu último partido na casa, porque é un encontro moi importante que demandará toda a nosa atención, e iso tento facer, focalizar toda a miña enerxía niso", dixo.

Comentarios