O Guardés avanza a semifinais da Copa da Raíña após eliminar o Xixón

A escuadra miñota venceu a asturiana por 27-20
O Guardés continúa soñando con levantar a súa primeira Copa (Foto: RFEB).
photo_camera O Guardés continúa soñando con levantar a súa primeira Copa (Foto: RFEB).

Contundente e traballada vitoria do Mecalia Atlético Guardés fronte Motive.co Xixón nun partido correspondente aos cuartos de final da Copa da Raíña de Balonmán e que rematou cun resultado de 27-20 a prol da escuadra miñota.

Asturianas e galegas levantaron o pano do torneo do KO no Martín Carpena de Málaga cun encontro que estivo caracterizado pola igualdade no seu primeiro tramo, con dous equipos moi ben plantados sobre o 40x20, sobre todo a nivel defensivo.

Esa tónica rachou no segundo cuarto de hora de xogo, cando o Guardés exhibiu a súa mellor versión da man de Lucía Alonso, sacando petróleo da superioridade numérica a consecuencia das exclusións de Lucía Laguna e Sandra Vallina, alcanzando unha vantaxe de cinco goles no minuto 25 (12-7). 

Sandra Santiago e Cristina Cifuentes continuaron vendo portería con relativa facilidade, pese ao bo rendemento de Lucía Alonso baixo paus, quen non puido impedir que a primeira metade rematara cun 14-8 favorábel á escuadra do sur da Galiza.

O paso por vestiarios non cambiou a dinámica do encontro. De feito, o Atlético Guardés arrancou cun parcial ao seu favor de 3 a 0 que sentenciou un choque do que nin o acerto de cara a porta de Sandra Vallina puido modificar o seu rumbo, concluíndo cun 27-20 final no electrónico do Martín Carpena.

Agora, as galegas agardan polo seu rival en semifinais, nun choque que as enfrontará mañá ás 19 horas co gañador do Bera Bera-Elxe.

A 'Final Four' da Primeira Autonómica, no Grove

O Pavillón Novo Monte do Grove acolle hoxe e mañá a 'Final Four' da Primeira Autonómica de balonmán, tanto masculina como feminina, onde oito equipos compiten por dúas prazas na categoría Estatal.  

Comentarios