A Historia agarda polo Atlético Guardés na Copa de Balonmán

O conxunto galego busca o seu primeiro título do torneo do KO
A pasada tempada o Atlético Guardés alcanzou a finalísima, pero caeu derrotado por 26 a 33 ante un sólido Málaga. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera A pasada tempada o Atlético Guardés alcanzou a finalísima, pero caeu derrotado por 26 a 33 ante un sólido Málaga. (Foto: Sportcoeco).

O "dereito ao desquite" non é algo que se dea con moita frecuencia no mundo do deporte, pero o Atlético Guardés ten a opción de resarcirse da dolorosa derrota na final copeira do ano pasado nunha edición 2023 da Copa da Raíña que arranca hoxe, precisamente, na pista do seu verdugo, o Málaga.

Na anterior edición do torneo do KO o Atlético Guardés logrou a fazaña de clasificarse para a finalísima por vez primeira na súa historia, mais Costa do Sol esnaquizou os soños galegos impoñéndose por un resultado de 33 a 26 após sacar petróleo dun esgotado conxunto miñoto, que pagou o esforzo de eliminar nas semifinais o anfitrión, campión de oito das últimas 10 ligas e favorito indiscutíbel, Súper Amara Bera Bera. 

Agora, e nunha historia que encaixaría á perfección na estrutura do Viaxe do Heroe de Campbell, un renovado Guardés busca a redención no Pazo dos Deportes Martín Carpena, fogar do seu verdugo en 2022. De película.

Pero como a vida non é como  en Hollywood, para chegar a ese happy ending terá que pasar por enriba do Xixón nos cuartos de final (hoxe, 13 horas) e, de conseguilo, na semifinal mediría forzas co vencedor da eliminatoria entre Elxe e o Bera Bera. O rival soñado, Málaga, non emerxería até unha hipotética final, e para iso tería que superar Gran Canaria, A Rioxa e Granollers. 

O Xixón, unha incógnita

A pesar de ocupar unha mellor posición na competición da regularidade, sería arriscado cualificar de favorita á escuadra galega, pois na Liga Guerreiras o cadro asturiano impúxose no seu primeiro choque (24-22), mentres que na volta na Sangriña a sorte estivo do lado galego (25-18). 

Para a preparadora do Guardés, Ana Seabra, o combinado asturiano será un rival "perigoso", e augura "un partido moi difícil e distinto ao último da Liga". Con todo, a técnica recoñece que o obxectivo último é "chegar o máis lonxe posíbel, e se é á final e gañala, mellor".

"A Copa representa unha motivación diferente á da Liga, e sendo conscientes das dificultades, que son moitas, temos que ser ambiciosas e facer un esforzo para intentar conseguir algo bonito", concluíu. 

As cadetes, a gozar da Mini Copa

Paralelamente á competición principal, a Federación de Balonmán organiza a Mini Copa, un torneo cos equipos cadetes dos clubs que participan no evento matriz. E de novo, a base do Guardés estará na cita. 

O formato da Mini Copa é lixeiramente distinto ao das maiores, pois para que todos os conxuntos poidan xogar polo menos tres partidos, a proba desenvólvese cunha fase con dous grupos en formato liguiña. 

Os primeiros de cada un veranse as caras nunha final o domingo, e para alcanzala as promesas miñotas terán que vencer Granollers, Bera Bera e Gran Canaria, debutando hoxe contra as catalás ás 9.30.

Fabio Lima, preparador do cadete do Guardés, encabeza unha expedición que, recoñece, "non busca ningún obxectivo competitivo, senón que as nenas vivan e gocen do premio que supón a experiencia de xogar fóra da Galiza, pois a maioría non saben o que é iso".

O técnico rosaleiro, coordinador da canteira do club, apunta que o aprendizaxe orbitará "arredor da convivencia co grupo", e que as xogadoras non terán "ningunha presión". 

Comentarios