PREVIA

A PREVIA | O Girona, gran revelación da Liga, calibra a crise de resultados do Celta

A escuadra catalá, segunda clasificada, recibe hoxe o conxunto olívico.
O capitán, Iago Aspas, foi o autor do tanto que lle serviu ao Celta para obter un vital triunfo pola mínima (0-1) en Montilivi a pasada tempada. (Foto: La Liga).
photo_camera O capitán, Iago Aspas, foi o autor do tanto que lle serviu ao Celta para obter un vital triunfo pola mínima (0-1) en Montilivi a pasada tempada. (Foto: La Liga).

Pode que o nome de Mansour bin Zayed bin Sultan Al Nahayan non lle diga nada a ninguén, pero é un dos homes máis poderosos do fútbol mundial. O quinto fillo do emir de Abu Dabi e, desde marzo de 2023, vicepresidente dos Emiratos Árabes Unidos, fundou 10 anos antes, en 2013, o City Football Group, que integrou no Abu Dhabi United Group, que en 2008 adquirira o Manchester City inglés por unha cifra próxima aos 200 millóns de libras esterlinas.

O club foi medrando desde entón a base de petrodólares e entre acusacións de dopaxe financeiro até proclamarse campión de Europa o pasado 10 de xuño de 2023, ao mesmo tempo que se incorporaban novas escuadras ao grupo, tecendo unha maraña futbolística que completan New York City (Estados Unidos), Yokohama Marinos (Xapón), Mumbai City (India), Montevideo City Torque (India), Sichuan Jiuniu (China), Melbourne City (Australia), Lommel Sportkring (Bélxica), Estac Troyes (Francia), Palermo (Italia) e o Girona Fútbol Club.

Desde 2017 City Football Group é o máximo accionista dun conxunto catalán que, tras esa adquisición, pasou a vivir os mellores momentos tanto a nivel deportivo como económico da súa case centenaria historia ao mesmo tempo que, en palabras do presidente do seu Consello de Administración -Pere Guardiola, irmán de Pep Guardiola, adestrador do Manchester City-, considera "parvadas" as acusacións de ser un filial dos cityzens.

Nesta tempada, após ficar a un paso de entrar en Europa a pasada campaña, o rival do Celta nun choque correspondente á undécima xornada ligueira que se disputará ás 21 horas de hoxe en Montilivi -onde o Girona gañou catro dos cinco partidos que alí disputou até o momento, baixando a cabeza soamente ante o Real Madrid a finais de setembro- tornou na gran revelación da competición, empoleirándose por méritos propios ao segundo posto da táboa clasificatoria.

Detrás do seu éxito, alén da estabilidade institucional e a confianza outorgada a Míchel no banco, o home que en 2022 logrou rematar coa travesía do deserto de tres anos dos Blanc-i-Vermells na categoría de prata, está o músculo financeiro que outorga  City Group, e que lles permitiu afrontar fichaxes do nivel do  desequilibrante brasileiro Savinho -quizais o mellor xogador da Liga até este momento-, o ucraíno Artem Dovbyk -máximo goleador do equipo é un dos realizadores 'top' do campionato- ou o veterano defensor neerlandés de 33 anos Daley Blind, 103 veces internacional que na Costa Brava recuperou a súa mellor versión, a que o levou a xogar en grandes de Europa como Ajax, Manchester United ou Bayern de Múnic.

Con todo, a realidade é que o Girona tamén saca petróleo dun límite salarial de 51,9 millóns que é moi inferior ao do Celta (79,8), quen chega ao encontro sumido nunha crise de resultados que afundiu o conxunto celeste na antepenúltima posición con tan só seis puntos no ano do seu centenario.

Xa que logo, o único final válido é aquel que implica volver de Girona cos tres puntos, logro que a entidade olívica xa conseguiu a comezos da 2022/23, cando venceu nun duelo moi igualado por 0-1 cun tanto de Iago Aspas a pase de Carles Pérez.

Benítez sorprenderá cun once marcado polas distintas baixas

O técnico do Celta, Rafa Benítez, protagonizou onte unha rolda de prensa na que achegou unha serie de chaves importantes sobre o encontro ante o Girona. O cuestionado preparador madrileño, que aínda perdendo en Cataluña continuaría á fronte do conxunto celeste, mais nunha situación moi precaria de cara a un choque contra o Sevilla da próxima semana que adquiriría a condición de 'a vida ou morte', confirmou que Ristic continúa tocado e que, polo contrario, Carles Pérez estará dispoñíbel para xogar en Montilivi, onde considera fundamental mellorar a "precisión" ante a porta contraria.

Porén, non quixo mollarse con respecto a un posíbel once que poderían conformar Guaita na portería no lugar do sancionado Iván Villar; Kevin, Starfelt, Núñez, Manu; Mingueza, Fran Beltrán, Luca De La Torre, Bamba; Larsen e Aspas.

Comentarios