A Galiza volve do Estatal de balonmán cun segundo posto

A Irmandiña foi prata na categoría infantil feminina.
Máis de 300 persoas apoiaron a selección galega en Catalunya. (FGA).
photo_camera Máis de 300 persoas apoiaron a selección galega en Catalunya. (FGA).

As seleccións galegas de balonmán nas categorías de base concluíron  a súa participación na edición 2024 dun Campionato de España de Seleccións Autonómicas que se desenvolveu entre o 3 e o 8 de xaneiro en diferentes localidades de Catalunya.

Nesta ocasión, a Irmandiña viaxou até Blanes, Malgrat de Mar, Calella e Lloret de Mar con representación nas categorías infantil, cadete e xuvenil, tanto nas súas modalidades masculinas como nas femininas, e aínda que os resultados dunha delegación conformada por preto de 140 deportistas puideron ser mellores se a sorte estivese do seu lado en momentos chave da competición, non defraudaron.

Polo menos esa é a lectura que fixo Rubén González, responsábel da Federación Galega de Balonmán (FGB): "Foi un campionato raro, no que a Galiza amosou un gran nivel competitivo que, nalgunhas ocasións, non se veu reflectido nos resultados, pois plantamos cara en todos os encontros, acadamos o ascenso en xuvenil feminino, e no masculino só unha mala e inoportuna decisión da mesa privounos de pelexar por máis".

 Ademais, González salientou que a medalla de prata que colgou do pescozo a selección infantil feminina, e que puxo fin a este CESA 2024, supuxo "un recoñecemento ao traballo realizado por todas as partes implicadas: deportistas, corpos técnicos, Federación e familias", incidindo en que os seareiros e seareiros da Irmandiña, que se fixeron sentir nos pavillóns cataláns en número superior a 300, "tinxiron de azul as bancadas en todos os encontros e deixaron unha gran imaxe do balonmán galego".

Sobre o parqué, o metal das infantís femininas chegou após perder coas anfitrioas por un contundente 25 a 18, unha derrota que non empana o gran rendemento que exhibiron ao longo do certame, no que eliminaron combinados do nivel de Andalucía, a quen superou nas semifinais por 25 a 20. 

Ademais, na paralela Copa de España, o segundo formato deste CESA, a bandeira galega tamén se deixou ver, aínda que non no máis alto do podio. Así,  na categoría cadete feminina a Irmandiña foi terceira, completando o podio xunto con Asturias e a campioa Andalucía, mentres que os rapaces do xuvenil masculino lograron unha prata logo de deixar escapar o ouro no tempo engadido.

Comentarios