A Galiza vai sobre rodas no roller derby

O coñecido como Team Galiza agarda demostrar a boa saúde no país desta disciplina deportiva tan espectacular como comprometida socialmente no choque que o enfrontará o 20 de marzo no polideportivo de Monte Alto contra as asturianas do Güestia a partir das 12.30 horas da tarde. 
Os principios fundamentais do roller derby son tender lazos e fomentar os valores de igualdade e de inclusión dentro e fóra da pista. (Foto: Team Galiza).
photo_camera Os principios fundamentais do roller derby son tender lazos e fomentar os valores de igualdade e de inclusión dentro e fóra da pista. (Foto: Team Galiza).

"Motivador, pero con presión". Así define Raquel Ohana, xogadora do Team Galiza, o encontro que este domingo (12.30 horas, pavillón polideportivo de Monte Alto da Coruña)  disputará este combinado galego na Liga Nacional ARDE (Asociación de Roller Derby de España) contra a Güestia de Asturias e que converterá por primeira vez as coruñesas Brigantias Roller Derby nas anfitrioas deste certame estatal. Porque esa é a gran novidade deste ano: o roller derby galego será un, un combinado co melloriño das jammer, bloqueadoras ou pivotes da Galiza. "O roller derby é un deporte autoxestionado e o noso interese creando este equipo neste campionato é que todo o mundo poida chegar a competir ao máximo nivel posíbel dentro do Estado", conta Raquel sobre ese Team Galiza, que xurdiu tamén como necesidade despois da explosión da Covid-19.

"Na anterior edición -antes da pandemia- participamos as Brigantias, pero fomos cun roster de oito xogadoras até Murcia. Xogamos na Manga do Mar Menor e malia ser só oito clasificámonos para a final. Iso foi unha pasada, porque íamos  cun cadro moi precario, xa que o máximo é de 22 persoas", explica. Por iso, despois de que as competicións se retomaran tras a crise sanitaria, as Brigantias, vendo que outra vez chegaban un pouco "xustas" de cadro de xogadoras, decidiron darlle forma a un novo proxecto, o Team Galiza: "Esta é a nosa oportunidade para xuntarnos e tender lazos con outros clubs da Galiza".

Entón foi cando falaron con xente coa que xa tiñan relación, e tamén se puxeron en contacto con todos os equipos, co obxectivo de crear un conxunto que permitise demostrar o potencial e a calidade deportiva do roller derby no país. "O interese é xogar, pasalo ben, tender lazos e fomentar os valores de igualdade e de inclusión", conta Raquel Ohana. Porque iso é, precisamente, o que máis marca o roller derby como deporte, unha filosofía chea de valores e inclusiva: "Por exemplo, unha persoa non binaria ou unha muller trans poden participar como tales, ou antes dos partidos o persoal da arbitraxe pregunta se algunha compoñente ten un problema auditivo para telo en conta para repetir e ter máis consideración".

E chega agora o debut na casa, despois de que a competición do Team Galiza se estreara hai unha semana en Reus contra as Insumises, vencendo con contundencia por 182 a 89. Malia ese bo inicio, Raquel destaca que non se marcan metas máis alá de pasalo ben e recuperar os partidos e a experiencia que se perderon durante a pandemia. "É difícil, porque nós non somos como o resto de equipos, ao ser un mix non adestramos tanto tempo xuntas. Tes xente de Vigo, de Ourense, da Coruña... non é o mesmo un así que outro que adestra sempre xunto", explica a brigantia. Ademais, o coronavirus deixou tamén un baleiro de información, porque non se sabe a quen lle puido prexudicar máis ou menos o parón.

Por iso afrontan o partido coa visión dunha festa que tamén convenza as cidadás de achegarse até Monte Alto para gozar do roller derby. Para iso, a xornada completarase con partidos da liga galega da modalidade, unha competición que ten como obxectivo enfrontar os equipos do país en catro xornadas repartidas por todo o territorio galego.

Comentarios