luns 26/07/21

Galiza nos ollos de 'Turcos e Portugueses'

Un investigador inglés indaga na identidade galega a través do fútbol.
Imaxe dos Riazor Blues na bancada de Matarhón Inferior, na que se poden observar varias bandeiras turcas. (Foto: Riazor Blues).
Imaxe dos Riazor Blues na bancada de Marathón Inferior, na que se poden observar varias bandeiras turcas. (Foto: Riazor Blues).

A rivalidade futbolística entre Deportivo e Celta vai alén do eido estritamente deportivo, como demostran eses vellos alcumes de turcos e portugueses cos que un sector da cada afección define ás seareiras rivais. Agora, eses nomes tamén dan título á tese de doutoramento do investigador da Universidade de Nottingham (Inglaterra) Matt McGinn, quen emprega o fútbol para indagar na identidade nacional galega entre os anos 1990 e 2005.

A súa primeira toma de contacto coa realidade galega -como revela a Nós Diario- foi, curiosamente, en Madrid. "Alí vivía a carón dunha peña do Deportivo, onde me achegaba a ver os partidos. A raíz diso fun collendo interese non só polo Dépor, senón tamén pola Galiza, onde viaxei varias veces. Chamábame moito a atención o feito de que os meus amigos ás veces falasen en castelán, outras en galego... moitas cousas que me provocaron preguntas sobre a identidade galega", apunta McGinn. 

"Ademais -engade- hai moita literatura sobre o fútbol e a identidade nos casos vasco e catalán, pero o galego continúa sen ser investigado en detalle, polo que me pareceu unha boa oportunidade para escribir sobre algo que está aínda por descubrir".

O propio título da súa tese, Turcos e Portugueses: An oral history of 'national' identity, regionalism, and football in Galicia, revela xa un nivel de coñecemento ao que está accedendo a través de entrevistas orais e dun cambio de residencia a Vigo para dotar da maior profundidade posíbel ao seu traballo, pois "até hai un ano só estaba exposto a unha perspectiva, a coruñesa".

E, aínda que recoñece estar "nos principios da investigación", ve "moitas máis cousas en común que diferenzas a nivel das afeccións", especialmente "na xente máis apaixonada, como Riazor Blues e Celtarras, pois as dúas peñas son nacionalistas, de esquerdas, de cidades moi parecidas...", unhas ideas que parecen remitir ao postulado nacional e anti localista perennemente defendido por Xurxo Souto. De feito, Matt McGinn tamén recoñece "os trazos distintivos" da Galiza como nación, "como a lingua, pero tamén a paisaxe ou a vixencia da figura de Castelao".

A conexión galego-islandesa

Antes de embarcarse na aventura de investigar as conexións entre turcos e portugueses, Matt McGinn afondou nun territorio, un país e un fútbol tan distinto como é o de Islandia. Ou pode que quizais "non sexa tan diferente", como apostila McGinn, pois "en ambos a pesca e a terra son a base de todo, e tamén son países xeograficamente periféricos, o que en certo modo condiciona a mentalidade da sociedade".

A motivación da súa estadía na terra do xeo e do lume estivo na abraiante irrupción do fútbol islandés, que o levou a xogar a Eurocopa de 2016 e o Mundial de 2018. "Necesitaba saber como un país de 300.000 persoas puido medrar tanto no fútbol, non tiña ningún sentido, así que en compañía do fotógrafo Robbie Dunne escribimos o libro Against the Elements: The Eruption of Icelandic Football.

Cuestionado sobre que hai detrás dese fenómeno planetario, fuxe de romanticismos: "En toda revolución, aínda que sexa deportiva, o principal son os recursos, e o Goberno islandés financiouna até o punto de que hoxe é o país con máis adestradores licenciados por xogador".

comentarios