A Galiza contará cunha innovadora liga feminina de baloncesto para veteranas

O baloncesto feminino galego iniciará este outono unha nova aventura. En novembro nacerá a primeira liga de veteranas deste deporte que procurará dar continuidade ás arelas de xogadoras que pasaron polos grandes equipos do país ademais de dar oportunidade a outras que queren competir.
Equipo feminino de veteranas Golden Cup Santiago que participou na homenaxe á xogadora Mercè Morros o pasado 22 de abril (Foto: Nós Diario).
photo_camera Equipo feminino de veteranas Golden Cup Santiago que participou na homenaxe á xogadora Mercè Morros o pasado 22 de abril. (Foto: Nós Diario)

A continuidade na competición a partir de certas idades non sempre é doada. Porén, moitas das alegrías que chegan á Galiza proceden de deportistas con idades que superan a media nas súas respectivas disciplinas. En concreto, esta semana temos o exemplo, no atletismo, do Campionato de Europa Máster que se está a realizar na localidade italiana de Pescara coa medalla de ouro de Ester Pedrosa nos 1.500 metros para maiores de 60 anos.

No baloncesto galego deron un paso adiante neste sentido e a Federación anunciou que activa unha nova Liga Feminina galega dirixida a deportistas veteranas. A iniciativa comezará esta tempada 2023-2024, será oficial e estará destinada a equipos formados por xogadoras nadas antes de 1989. A nova competición terá un formato de concentración e para a Federación Galega de Baloncesto (FGB) é “un novo escenario” que supón “un paso máis para ensanchar as opcións da práctica deportiva a nivel federado e ampliando as posibilidades de gozar do deporte do baloncesto”.

Proceso de inscrición

O mecanismo de creación desta Liga FGB de veteranas comezou o pasado 19 de setembro coa apertura do proceso de inscrición de equipos en base aos requisitos estabelecidos nunha circular que se achegou aos clubs e ás deportistas federadas neste momento. A composición da Liga e os equipos que participarán coñecerase en outubro mais xa se deron a coñecer as datas da competición que serían susceptíbeis de cambio segundo dispoñibilidade dos pavillóns.

A xornada inicial será o 1 de novembro, coincidindo co día festivo, e seguirá o 17 de decembro para fechar 2023. Os partidos continuarán o 28 de xaneiro de 2024, o 25 de febreiro e o 24 de abril. A última xornada coincidirá co 23 de xuño. A secretaria xeral da FGB, Susana Fernández, explica a Nós Diario que en maio deste ano xogadoras de toda a Galiza pediron unha xuntanza para ver a posibilidade de organizar unha competición oficial.

“O proxecto encaixounos perfectamente e, ademais, acordamos que sería mensual para poder atender á conciliación persoal de cada unha”, indica a responsábel federativa, "xa xogaban amigábeis mais querían contar coas nosa colexiadas", engade. Desde o anuncio desta proposta foron numerosos os equipos que se interesaron por esta iniciativa que, segundo Fernández, "podería comezar cun mínimo de catro formacións".

A experiencia sería pioneira en todo o estado español, segundo a Federación. "Hai torneos privados aos que viaxan, ás veces, as veteranas galegas", sinala a secretaria xeral do máximo organismo do baloncesto feminino, "como a que teñen lugar en Andalucía ou en Asturias, mais en moitos casos indican nas bases que son para maiores de 50 anos", informa.

Continuar xogando

Unha das xogadoras do colectivo de veteranas é Chus Seoane, ex xogadora do Cluny de Santiago. Conta a Nós Diario que, despois de deixar o baloncesto durante un tempo, formou parte das deportistas que en 2016, en Compostela, volveron coller o balón nas canchas para crear o Golden Cup. Procedían, entre outros, de clubs que tiveron percorrido nos anos 80, como Cluny, Pio XII, López Ferreiro, chegando a ser 33, manténdose agora en 25 xogadoras. "Convidáronnos ao torneo homenaxe a Quino Salvo, en Vigo, e atopámonos alí con xogadoras desa cidade e de Ferrol", relata esta deportista, "e xurdiu esta idea de propór unha liga oficial de veteranas", engade.

En xuño deste ano viaxaron até Santander (Cantabria) para competir nun torneo para maiores de 40 e 50 anos "con equipos que se reunían para esa ocasión e non tiñan continuidade nunha competición", explica Seoane. Por este motivo, a xogadora salienta a "oportunidade" de  crear algo que perdure no tempo e recupere o talento "que segue aí".


XXXVI edición da Copa Galiza Sénior

O baloncesto feminino tamén será protagonista en Santiago pola realización, esta vindeira fin de semana, da XXXVI edición da Copa Galiza Sénior. Os partidos decorrerán no Pavillón de Santa Isabel e serán retransmitidos pola TVG. As semifinais enfrontarán, por un lado, ao Durán Maquinaria Ensino contra o equipo campión da fase previa a sexta feira 29 de setembro ás 18 horas; e polo outro, ao Celta Zorka Recalvi e o Baxi Ferrol ese mesmo día ás 20.30 horas. A final será o domingo 1 de outubro ás 12 horas.

A presentación do evento decorreu esta segunda feira no Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago, e nela a edil de Deportes, Pilar Lueiro (BNG), lembrou a "aposta do Concello polo deporte feminino cun evento de altura" ao que animou a asistir a toda a cidadanía compostelá. "Desexamos que sexa un éxito de asistencia", engadiu. Pola súa parte, o presidente da FGB, Julio Bernández, agradeceu tanto ao Concello como ao Baloncesto Rosalía -colaborador na organización- a disposición e a colaboración e lembrou que o baloncesto foi unha disciplina "pioneira" na integración do deporte feminino na cidade e no país.

Comentarios