Os galgos galegos de John Benjamin Toshack

25 anos despois da súa marcha da Coruña, o galés John Benjamin Toshack continúa mantendo vinculación coa Galiza a través dunha protectora de animais ferrolá, Arco da Vella, coa que el e a súa dona levan sete anos colaborando e a través da cal xa ofreceron unha vida mellor a tres cadelas co nexo común dun pasado moi duro. 

Subamos xuntos á máquina do tempo para viaxar até unha época, mediados dos anos 90, no que as pandemias eran cousa das películas americanas, Ricky Martin e as Spice Girls monopolizaban as listas de éxitos e o Deportivo da Coruña non só xogaba na primeira División, senón que  tiña como obxectivo gañar o título de Liga.

Finalizada a época Arsenio, Lendoiro afrontou en 1995 a necesaria renovación do equipo confiando no experimentado John Benjamin Toshack, quen nunha tempada atípica que supuxo a despedida de numerosos nomes propios do 'Súper Dépor' como Bebeto, Liaño, Aldana ou López Rekarte, finalizou o campionato ligueiro en novena posición. Non obstante, o galés conquistou o segundo título na historia do club -a Supercopa de España-, o xigantesco trofeo do Teresa Herrera do 50 aniversario e alcanzou as semifinais da Recopa de Europa, caendo eliminado a mans do PSG de Raí, Djorkaeff, Loko, Dutruel, Loko, Anelka e compañía, abondo para gañar o dereito de dirixir o equipo durante unha tempada máis.

Lamentabelmente, e a pesar de que contaba con xogadores do nivel de Rivaldo, Martins, Songo'o, Naybet, Fran, Mauro Silva ou un Paco Jémez co que Toshack protagonizou un dos mellores diálogos na recente historia do fútbol -"Mister, dóeme cando lle pego", comentou o adusto central, ao que JB respondeu, "Paco, a todos nos doe cando lle pegas"-, o galés abandonou A Coruña en febreiro de 1997 en medio dunha guerra aberta co vestiario e boa parte do público de Riazor, así como entre críticas da prensa local por "vivir en soidade nun hotel" e "de costas á cidade".

Un amante dos animais

Non obstante, a posterior -e existosa- experiencia de Javier Irureta, que se aloxou sete anos no hotel María Pita, demostraría que iso non equivalía a unha menor implicación, e o vínculo que a día de hoxe mantén John Benjamin Toshack coa protectora de animais galega Arco da Vella revela que, quizais, o galés non viviu tan "de costas" á terra que  o acolleu durante ano e medio hai xa un cuarto de século. 

Segundo explican responsábeis da asociación ferrolá a Nós Diario, a pesar de non residir na Galiza o veterano adestrador e a súa dona, Mai Angulo Archs, colaboran con ela "desde hai sete anos", un tempo no que "adoptaron tres cadeliñas connosco, Gala, Esperanza e Snow Queen". Ademais, destacan que os animais adoptados pola familia Toshack "son do tipo que normalmente ninguén quere levar: maiores, que teñen algunha patiña rota, mamás de cachorros ou maltratados", así como o "apoio" e o "trato excepcional" que sempre recibiron dos Toshack, "unha xente marabillosa que sempre se preocupa de nós e de axudarnos en todo cando necesitemos".

Esta protectora de Ferrolterra nada en 2007 está centrada no rescate na rúa e en sacar os animais das canceiras, xestiona a adopción de 2.000 cans anualmente -a pesar de integrala tan só catro persoas, todas voluntarias, e de "non contar con apoio institucional de ningún tipo"- e actúa non só na Galiza, senón por todo o Estado.

Por iso, desde a súa páxina de Facebook están a desenvolver accións para recadar fondos, como mercados benéficos virtuais -"xa que agora os físicos non podemos facelos"-, onde venden produtos como calcetíns ou colares para cans. 

Comentarios