O galego, sinatura pendente das federacións deportivas

A máis de 40 anos vista da entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística o galego continúa fóra de xogo nalgúns eidos da sociedade, e por suposto o deporte non vai ser unha excepción, como demostra o feito de que varias federacións deportivas do país continúan excluíndoo das súas comunicacións.
O portal da Federación Galega de Golf, a cuarta do país en número de licenzas, só está en español. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portal da Federación Galega de Golf, a cuarta do país en número de licenzas, só está en español. (Foto: Nós Diario)

Restan tan só cinco días para que o 2023 baixe o pano definitivamente e dea paso a un 2024 moi especial para o deporte por ser ano olímpico, xa que a cidade de París acollerá entre o 26 de xullo e o 11 de agosto unha cita na que, unha vez máis, os e as atletas da Galiza aspirarán a todo nas súas respectivas probas.

Con todo, as metas do deporte galego deben ir máis alá dos podios e as medallas, sendo a consolidación da lingua do país nas comunicacións das distintas federacións deportivas galegas unha das máis desexábeis.

Porque, a 41 anos vista da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, unha porcentaxe substancial destes organismos continúan empregando exclusivamente o castelán nas súas páxinas web.

En total, e segundo datos obtidos do Instituto Galego de Estatística e da Estatística de Deporte Federado publicada polo Consello Superior de Deportes (CSD), que contabilizan 58 federacións galegas con actividade, un percorrido polos seus distintos portais revelan unha situación de discriminación do galego en non poucos casos.

Así, e omitindo situacións concretas -por exemplo, que teñan as páxinas caídas ou sen actualizar desde hai anos, ou as doutras que escollen como idioma por defecto o castelán, pero coa opción en galego a golpe de clic, como a Federación Galega de Tenis ou a de Karate-, o español é o exclusivo das comunicacións en nove das webs federativas, mentres que o galego é o escollido en 40.

Quen optou unicamente polo castelán? Non hai un perfil único, xa que se ben algunhas delas poden ter unhas dimensións moi reducidas, como a Federación Galega de Pelota (274 licenzas en 2022), a de Béisbol (360), a de Halterofilia (366), a de Boxeo (483) ou a de Esgrima (733), outras presentan cifras moi respetábeis, como as de, curiosamente, dous deportes nos que a Galiza é potencia, como a vela (1.380) e o piragüismo (2.590). As dúas restantes, de feito, incluso son xigantes como a Federación Galega de Pádel (8.116) e a de Golf (11.961), a cuarta por número de practicantes no país.

Comentarios