A galega Marta Domínguez repite título de campioa estatal de squash

O torneo desenvolveuse no Milladoiro (Ames).
Domínguez, no alto do podio. (Foto: Concello de Ames).
photo_camera Domínguez, no alto do podio. (Foto: Concello de Ames).

As instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro recibiron as finais do Campionato de España absoluto de squash, nas que se proclamaron gañadoras a galega Marta Domínguez, na categoría feminina, e o catalán Iker Pajares na masculina. 

Este torneo xuntou en Ames as 60 mellores xogadoras e xogadores do Estado desde a pasada sexta feira, 9 de febreiro, e até o día de onte, competindo nas catro pistas das que dispón o Squash Club Santiago do Milladoiro, en Ames.

O primeiro que se dirimiu foi a fase previa, da que saíron oito competidoras que se enfrontaron ás oito cabezas de serie. Partían como favoritos Iker Pajares, na categoría masculina, e Marta Domínguez, na modalidade feminina, e ambos fixeron bos os prognósticos e gañaron un novo título estatal absoluto.      

Deste modo, Marta Domínguez conseguía o seu segundo ouro consecutivo no Campionato de España logo de vencer na final por 3-0 á arxentina  Pilar Etchechoury. Previamente, impúxose a Montse Fajardo e Icía Rivero, tamén por 3 a 0 en ambos os partidos. Ademais, o podio completouno outra deportista do país, a propia Rivero, que subiu ao terceiro posto do caixón.

Entre os homes, o catalán Iker Pajares logrou concluír na primeira posición e sumar así o seu terceiro Estatal após derrotar o seu compatriota Bernat Jaume por 3-1, completando así un exitoso percorrido no que logrou deixar no camiño a Pablo Quintana (3-0) e Robertino Pezzota (3-1), quen volveu perder no choque polo terceiro posto fronte Iván Pérez. 

O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, asistiron ás finais da proba, destacando o primeiro a "beleza" dun deporte que, recordou, pasará a ser olímpico a partir dos Xogos dos Ánxeles do ano 2028.

Comentarios